Partido Popular de Lugo

Jaime Castiñeira será o presidente do XV Congreso do Partido Popular de Galicia

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2013.- O Comité Organizador do XV Congreso do PPdeG elexiu a Jaime Castiñeira para presidir a mesa do cónclave, que terá lugar a vindeira semana.

O Comité Organizador do Congreso valora a traxectoria do voceiro municipal do partido en Lugo e o seu pleno coñecemento da vida interna do partido.

Jaime Castiñeira é o dirixente que colleitou a porcentaxe máis alta do PP nas eleccións municipais nas cidades pese a que por unha decena de votos non logrou a maioría absoluta para ser alcalde, e non puido pechar o paso a un Goberno de perdedores que agora forman PSOE e BNG.

Castiñeira iniciou a súa carreira política en 1999, como concelleiro do PP municipal de Lugo e a finais de 2004 pasou a ser o seu voceiro, ademais de pasar a ocupar unha das vicesecretarías do Comité Executivo Provincial e asumir a coordinación do Comité de Política Local.

Desde 2009 preside o PP da cidade de Lugo e é deputado na Cámara galega desde 2005. Polo que aúna moita experiencia non só a nivel local senón tamén de política autonómica.

Para o PPdeG, tanto a designación de Jaime Castiñeira como presidente da mesa como a elección de Lugo para celebrar este Congreso implican o recoñecemento expreso do PPdeG ao traballo que fai a provincia de Lugo en xeral e a capital da mesma en particular.

A mesa do Congreso compóñena 11 persoas, entre elas, o presidente, dous vicepresidentes, un secretario e os vogais, e será a encargada de dirixir o desenvolvemento de todo o proceso que implica este evento. Por tanto, é o eixo de transmisión do partido durante a celebración do cónclave que terá lugar ós próximos 19 e 20 de xaneiro.

O COC designará ao resto de membros nos vindeiros días para completar así os equipos que traballarán na organización do proceso, unha vez elixidos xa os ponentes e os membros das mesas que abordarán os contidos dos relatorios.

Cabe destacar, por outra banda, que hoxe, nunhas horas, rematará o prazo para presentar as emendas. O COC xa recibiu un bo numero delas, o que demostra o interese por participar na configuración do ideario que marcará a folla de ruta do PPdeG nos próximos tres anos.