Partido Popular de Lugo

Barreiro referiuse ao 2012 como un ano “difícil e cheo de sacrificios” polo que agradece a “comprensión e solidariedade dos lucenses que entenderon que non hai solucións fáciles para iniciar o camiño do crecemento”

 O presidente do Partido Popular de Lugo e voceiro do Grupo Popular no Senado, José Manuel Barreiro, referiuse hoxe ao 2012 como un “ano difícil e cheo de sacrificios”, polo que agradeceu o “a especial comprensión e  solidariedade”  dos lucenses, que entenderon que non hai solucións fáciles para iniciar o camiño do crecemento, sendo necesario promover unha senda reformista “dura pero imprescindible”, que permita a recuperación económica.  Así, Barreiro asegura o PP de Lugo apoia as medidas emprendidas con “serenidade e determinación” por Mariano Rajoy e que son “garantía de futuro e de recuperación da confianza e da credibilidade”

O presidente provincial, acompañado dos parlamentarios lucenses nas dúas cámaras das Cortes Xerais, fixo balance do primeiro ano de goberno do equipo de Mariano Rajoy, ao que se referiu como o 2012 das “reformas, da austeridade e do rigor”. Así, José Manuel Barreiro asegurou que as medidas “extraordinarias e imprescindibles” tomadas polo Executivo central “asentaron as bases definitivas para que 2013 sexa a ponte cara a recuperación, tras recibir unha situación caracterizada por unha desviación do déficit do 50% e unha recesión económica que viña dende a segunda metade de 2011”.

O popular asegurou que “non houbo un goberno que fixera tantas reformas en tan pouco tempo e fíxoo coa visión posta no que os cidadáns necesitan ou esperan de nosoutros”.  Así mesmo, Barreiro asegurou ser consciente de que “pedimos un esforzo moi grande aos lucenses, “pero imprescindible se queríamos continuar cun sistema público e de calidade”.  Neste senso, o presidente provincial lanza unha loubanza cara os lucenses pola súa capacidade de aceptar os sacrificios e manter o seu espírito de solidariedade e cohesión, “valores fundamentais para avanzar cara a recuperación e que os cidadáns recuperen o seu benestar”, esquecéndose “dun goberno socialista que durante sete anos promulgou a soberbia e a incompetencia”

 

Axenda de reformas ambiciosa

José Manuel Barreiro asegurou que o goberno de Mariano Rajoy iniciou durante 2012 a axenda das reformas máis ambiciosa, “para que esta situación non se volva a repetir e iniciar a senda dun crecemento estable”. En cando aos principios que rexeron a xestión do Goberno central, Barreiro citou a procura da estabilización das contas públicas a través da promulgación da Lei de Estabilidade Orzamentaria, “ a medida máis importante deste ano”, explicou.

Así mesmo, o popular tamén referiu a creación de emprego e a recuperación do fluxo de crédito coa reforma laboral e a reestruturación do sistema financeiro; e ao sostemento dos piares básicos do estado do benestar, cunha reforma da sanidade e educación para garantir uns sistemas públicos, universais e de calidade.

José Manuel Barreiro explicou que dende decembro de 2011, tomáronse medidas moi difíciles e dolorosas “pero intentouse que foran o máis equitativas posibles”, así, por exemplo, citou a redución do gasto das administracións nun 25% e incrementouse o imposto da renda aos que máis teñen.

Estas medidas, segundo Barreiro, están dando os seus froitos e conseguiron que España recupere a confianza dos mercados e dos socios internacionais. O popular explicou que “estamos no camiño corrector para cumprir o déficit, increméntanse as exportacións, o turismo e o investimento, mellorando a balanza comercial”.

 

Colaboración coa provincia

 O presidente do PP en Lugo tamén quixo facer referencia ao enorme esforzo inversor do Ministerio de Fomento coa comunidade galega e en concreto, coa provincia de Lugo. José Manuel Barreiro fixo referencia aos Orzamentos Xerais do 2013 que sitúan a Lugo como a provincia galega con maior investimento en estradas, cun total de 130,7 millóns de euros. Así mesmo Lugo é a comunidade autónoma galega con maior volume de investimento per cápita do Ministerio de Fomento, con 2,4 veces máis de investimento que a media nacional.

Este “esforzo inversor” na provincia de Lugo céntrase no destino de 70 millóns de euros para o remate de A-8, nos tramos pendentes de rematar ao seu paso por Mondoñedo; así como de novo a dotación de fondos, tal e como se recolleran nos orzamentos de 2012,  para o pago das expropiacións.  O orzamentos estatais para 2013, recollen unha partida de 1,2 millóns de euros para facerlle fronte aos intereses demorados dos tramos da A-8, derivados de impagos do anterior goberno socialista.

No que refire a Fomento, Jose Manuel Barreiro tamén resaltou a A-54 (Lugo-Santiago), que recibe unha dotación no conxunto dos tramos por 24,50 millóns para 2013; ou outras contías para manter o compromiso do Corredor de San Cibrao-Barreiros; a autovía Monforte-Chantada ou o desdobramento da Ronda Norte de Lugo.

Durante 2012, José Manuel Barreiro tamén sinalou que se declararon como de servizo público as liñas de Ferrocarril A Coruña-Monforte; Ourense-Monforte-Ponferrada, e a de vía estreita entre Ferrol e Oviedo.

En canto as pensións, o dirixente popular referiu a revalorización do 1% durante 2012; ás que adicionalmente durante 2013 se sumará o 1% as inferiores aos 1.000 euros; polo que se verán afectados positivamente practicamente o 90% dos pensionistas lucenses. Ademais salientou que a fortaleza das contas públicas autonómicas permitirá que preto de 5.500 familias lucenses con pensións non contributivas –as de menor contía- recibirán, en xaneiro, un suplemento de 200 euros a conta da Xunta de Galicia. Esta paga extra para as pensións máis baixas é froito do compromiso do Goberno galego por dar prioridade ao pagamento deste complemento autonómico que non existe en 12 comunidades autónomas e que en 4 das que si o pagan, fanno na metade da contía que se abona en Galicia.

Por último, Barreiro citou o despregue da Garda Civil do Mar que funcionará en Viveiro. En resumo, para o popular a enerxía do Goberno popular céntrase en eliminar ineficiencias, mellorar competitividade e facer máis con menos, co obxectivo de saír da crise económica e recuperar emprego.