Partido Popular de Lugo

O PARLAMENTO APROBA UNHA PROPOSTA DO GRUPO POPULAR QUE INCLÚE DEZ MEDIAS EN DEFENSA DA VIABILIDADE DO SECTOR LÁCTEO GALEGO

Santiago, 19 de decembro de 2012.- O Pleno do Parlamento galego aprobou hoxe unha proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra de todos os grupos da oposición, a través da que se insta á Xunta de Galicia á adopción de medidas en defensa da viabilidade do sector lácteo galego e do equilibrado da cadea de valor de comercialización dos seus produtos. “Trátase de catro medidas a curto prazo e seis a medio prazo, consensuadas e demandadas polo sector, que reflicten o compromiso do actual Goberno galego e do Partido Popular na busca de solucións para as dificultades que vive o sector lácteo galego”, sinalou a portavoz do Grupo Popular, Isabel García Pacín.

Na súa intervención, García Pacín salientou que o sector lácteo “é unha parte fundamental das actividades produtivas en Galicia, xa que viven máis de 60.000 persoas e agrupa a arredor de 11.000 explotacións con máis de 2.300.000 toneladas, o 38 por cento da produción nacional”. “Pódese afirmar que se teñen dado pasos importantes, pero aínda queda moito por definir, polo que é compromiso do  Grupo Popular e do Goberno galego acometer con urxencia o liderado nas políticas activas desde Galicia”, sinalou.

MEDIDAS A CURTO E MEDIO PRAZO

A proposición non de lei aprobada hoxe polo Parlamento incorpora dez medidas consensuadas cos representantes do sector e que reflexan o acordo adoptado recentemente entre a Xunta de Galicia, os sindicatos agrarios, os produtores e a industria distribuidora. Catro destes puntos proponse desenvolvelos nos curto prazo: dar continuidade ao grupo de traballo que desenvolve unha negociación periódica dos prezos do leite; reforzar o desenvolvemento do Plan de Control de Calidade do Leite; comunicar a situación existente no mercado lácteo aos servizos e tribunais en materia de competencia para sancionar posibles prácticas abusivas na estrutura comercial do lácteo; e demandar ao Ministerio de Agricultura o cumprimento estrito do acordo para que o leite deixe de ser un produto de reclamo comercial e o artellamento dunha fórmula áxil para achegar as axudas conseguidas na Unión Europea para xerar liquidez nas explotacións e afrontar as débedas.

Así mesmo, a proposición non de lei do Grupo Popular tamén insta ao Goberno galego a avanzar na formulación dun modelo de territorio rural que leve a dispor de maior base territorial para as explotacións lácteas galegas, con especial énfase na aprobación da Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria; continuar co apoio á marca identificativa do leite galego Galega 100% e das axudas para a mellora das explotacións; fomentar a estruturación das organizacións de produtores lácteos; e fomentar a integración e estruturación dun proxecto galego de transformación de leite.

Por último, a proposición aprobada hoxe no Pleno do Parlamento incorpora dúas demandas para o Goberno do Estado: a posta en vigor das leis que permitan favorecer o equilibrio e transparencia na cadea de valor do lácteo e a defensa, dentro do proceso de reforma da Política Agraria Común, do recoñecemento e tratamento equitativo das peculiaridades do agro galego.