Lugo, 19 de decembro de 2012-. O Grupo Provincial Popular, interpuxo hoxe unha reclamación administrativa contra o orzamento xeral da Deputación de Lugo, aprobado inicialmente o día 27 do pasado mes de novembro, posto que non garante as competencias en materia reguladas por lei.
Afirma Elena Candia que as contas provinciais para 2013 non cubren o mínimo competencial establecido no decreto de servizos sociais a prestar pola entidade local; uns servizos amparados polo texto constitucional e tan necesarios nesta época de crise
“Percibimos a omisión do crédito necesario para o cumprimento das obrigas esixibles ao Organismo Provincial polo que detectamos un incumprimento do Decreto 99/2012 do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais, norma autonómica de Galicia, de obrigado acatamento pola Deputación, que no artigo 31 fixa as competencias mínimas do Ente en materia de servizos sociais para os municipios de menos de 20.000 habitantes”- afirmou Candia, quen engade que, segundo este decreto, as Deputacións provinciais tamén apoiarán prioritariamente o financiamento do SAF básico aos concellos de menos de 20.000 habitantes, así coma o financiamento aos ditos concellos para a contratación de persoal dos equipos con perfís profesionais diferentes e complementarios ao do profesional de referencia que se regula no artigo 37 deste decreto.
A popular afirma que existen unha serie de cuantías, nas que se detecta unha suposta vulneración do principio de legalidade constitucionalmente proclamado, posto que a insuficiencia de crédito descrita, choca frontalmente contra as esixencias normativas previstas no Decreto.
Conclúe a Voceira do PP na Deputación de Lugo, que na dotación orzamentaria non se cubre o mínimo competencial establecido no decreto polo que co obxetivo de dar cumprimento aos principios de economía procesal e principio de legalidade, o GPP interporá unha reclamación administrativa contra o Orzamento Xeral da Deputación de Lugo para velar polo xusto e correcto uso dos recursos económicos por parte do Ente Provincial.