Partido Popular de Lugo

Feijóo preséntase con máis ilusión e determinación que nunca co obxectivo “non de manter igual o que funciona, senón de melloralo”

Lugo e A Coruña, 14 de decembro de 2012.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, preséntase con máis ilusión e determinación que nunca co obxectivo “non de manter igual o que funciona, senón de melloralo”.

Así se expresaba o dirixente popular tras expoñer a súa candidatura á Presidencia do partido ás xuntas directivas provinciais de Lugo e da Coruña, como fará a vindeira semana en Ourense e Pontevedra.

O líder do PPdeG pediulles aos seus compañeiros de partido que o Congreso non sexa un episodio aillado, senón un capítulo máis do proceso de actualización constante da formación. Por iso, pediulles implicación e que se corresponsabilicen a través dos congresos provinciais e locais que seguirán ao congreso autonómico.

Feijóo lembrou que o PPdeG é un partido maioritario, de futuro, de goberno e que dá confianza á xente, por iso de ningún éxito, por importante que sexa, pode facer que os populares se conformen nin cando lograron volver á Xunta á primeira, nin cando obtiveron os mellores resultados nas municipais de 2011, nin cando gañaron as xerais nin agora que lograron ser o único goberno de España que en plena crise viu ampliada a confianza dos cidadáns.

DEDICACIÓN E COHERENCIA

O presidente do PPdeG fixo fincapé en que o que diferenza ao partido dos demáis é que une e non divide nin entre territorios de Galicia nin entre a comunidade e España e que non resta, senón que suma as ideas e as achegas de todos.

Así, o Congreso do PPdeG é para falar de ideas que melloren a vida dos cidadáns, e non para dar que falar á xente.

Do mesmo xeito, Feijóo apelou á dedicación para entender o que os cidadáns esperan do partido nun momento de tantas dificultades; para facer máis con menos e xestionar con responsabilidade; para ser quen de volver orientar a economía cara o crecemento; para apoiar aos sectores produtivos e para incrementar aínda máis a comunicación cos cidadáns para que coñezan as explicacións da situación actual, das medidas que hai que tomar e tamén de que, malia os problemas, hai razón para crer en Galicia e nas súas posibilidades.

Por outra banda, o líder do PPdeG tamén indicou que o partido conta con coherencia, porque cada problema que se sofre tivo unha advertencia previa por parte dos populares e porque cada feito ten unha razón de ser.

Neste senso, apuntou que o contrario á coherencia é a actitude dos que endebedaron España, prometeron pleno emprego e acabaron creando o problema máis grave de paro de toda a historia española e deixaron os servizos públicos ao borde do colapso. Así mesmo, o contrario da coherencia son os que mentiron sobre a situación real das entidades financeiras e falan de que se conte con todos mentres expulsan da dirección do partido a calquera que discrepe.

Segundo Feijóo, España e Galicia necesitan ideas, dedicación e coherencia e precisan a implicación dos populares para ter esperanza e ter futuro.

LUGO

O dirixente popular fixo fincapé en Lugo que os logros acadados na provincia foron mérito de cada un dos membros do PP lucense e a implicación dos mesmos foi clave para que Lugo fose a cidade que obtivo a maior porcentaxe de apoios nas municipais e a provincia foi tamén clave para que Feijóo puidese ser investido presidente da Xunta por segunda vez.

Así mesmo, o dirixente popular pediu continuar traballando para lograr que cada vez falte menos para que Jaime Castiñeira sexa o alcalde de Lugo e para gobernar a Deputación de Lugo.

A CORUÑA

O dirixente popular aproveitou a súa intervención na Coruña para agradecerlles aos seus compañeiros os seus esforzos e o seu compromiso, que foron determinantes para os resultados electorais.

Neste senso, dirixiuse a Carlos Negreira para dicirlle que, aínda que lograse subir un deputado nas autonómicas de 2009 e outro en 2012 e aínda que o PP goberne nas tres cidades da provincia ou recuperase a Deputación, non por iso lle vai a pedir que se relaxe.

Nesta liña, apuntou que se presenta ao próximo Congreso, non para manter os resultados electorais xa logrados, senón con toda a ilusión e determinación de tentar melloralos.