Lugo, 9 de decembro de 2012.- A campaña de recollida de alimentos, promovida polos mozos de Novas Xeracións da cidade de Lugo, baixo o lema de Neste Nadal…Implícate! 3.0, dará comezo mañá luns, 10 de decembro. Durante un mes –ata o 10 de xaneiro- os que o desexen poderán depositar alimentos non perecedoiros tanto na sede provincial do Partido Popular, como na oficina do Grupo Municipal local.
Este é o terceiro Nadal durante o que os mozos da agrupación política vinculada ao Partido Popular na localidade organizan esta iniciativa solidaria dirixida a axudar aos máis desfavorecidos. O presidente local de NN.XX., Jacobo da Silva, convida a todos os lucenses a que participen desta campaña, que tal é como explica o mozo popular “non entende de siglas, nin de partidos políticos, nin de ideoloxías”, senón que está “aberta a todos os lucenses que o desexen”.
Dado isto, Jacobo da Silva pide a implicación e o esforzo común para o fin de garantir a axuda ás familias, e aos colectivos que se atopan nunha situación de precariedade e pobreza. O popular explica que a comida recollida será destinada ao comedor social de San Froilán.
Da Silva amósase optimista e mentres lembra que na pasada anualidade se recadaron 350 quilos de distintos produtos, este Nadal contan con que os lucenses doen uns 1.000 quilos. Así, o popular pide a “implicación” de todos os veciños “para que en tempos tan complicados se involucren no apio aos máis necesitados”.
A campaña Neste Nadal…Implícate! de recollida de alimentos celebrouse por primeira vez no 2010 xa que segundo explica Jacobo da Silva “ a día de hoxe son moitas as familias, etnias e colectivos sociais que están atravesando unha preocupante situación de precariedade e pobreza”. Polo que dende a agrupación político xuvenil “volvemos a facer por terceiro ano un chamamento a todas aquelas persoas que queiran colaborar con nosoutros para que non dubiden en facelo”.
Da Silva asegura que “se nos implicamos podemos chegar cun simple xesto a todos aqueles que desgraciadamente están pasando fame”. “Na nosas mans está que a erradicación da pobreza pouco a pouco se converta en realidade”, concluíu o presidente local.