Partido Popular de Lugo

Os populares pregúntanlle a Gómez Besteiro pola cifra de inserción laboral do Plan Lugo Emprega

Lugo, 7 de decembro de 2012-. A portavoz do Grupo Provincial do PP na Deputación de Lugo, Elena Candia, pregúntalle ao presidente do ente, José Ramón Gómez Besteiro, pola cifra real de inserción laboral do Plan Lugo Emprega, despois de contratar a traballadores nos concellos durante seis meses no 2011.

A popular pide estes datos dado que existe constancia de que contratados do Plan Emprega pasaron a ser despois integrantes de listas socialistas durante as municipais de 2011. Candia fai esta reflexión logo das numerosas publireportaxes publicadas en relación ao Pacto Provincial polo Emprego durante estes días, polo que non só quere coñecer a cifra exacta de inserción laboral a que deu lugar o Plan Emprega, senón que tamén pide que esta actitude de “pago de favores” non se repita no Pacto Provincial polo Emprego.

Polo tanto, a utilización partidista do Plan Emprega leva a popular a pedir transparencia e información ao respecto tamén do Pacto Provincial polo Emprego, e máis ao tratarse dunha iniciativa que procura o fomento do emprego “durante un contexto de gran demanda de traballo”.  Candia lamenta que dende a Deputación provincial a sensibilidade, ante a maior problemática que está a afectar ás familias, pase por politizar a asignación de postos de traballo. A popular lembra que se trata do principal problema da economía e polo tanto o deber dunha administración pública non se debe resumir no “xogo político ante a posibilidade de creación de postos”, senón no fomento de plans obxectivos que procuren reducir as consecuencias negativas deste fenómeno.

En concreto, o feito de que as ofertas de traballo do Plan Emprega foran dirixidas a contratación de persoas vinculadas politicamente co PSOE, conleva unha vez máis a reiteración de Gómez Besteiro na utilización de fondos públicos con carácter partidista. Feito polo que a popular espera que dende o Goberno da Deputación non estean a seguir estes mesmos criterios no Pacto Provincial polo Emprego.

Así mesmo, Candia fai referencia tamén a importante cantidade de diñeiro que o ente provincial recolle nos orzamentos 2013 para o fomento do emprego, unha actitude de procura de xeración de postos de traballo que alaba a popular, porén pide maior concreción no destino destas partidas, xa que só se coñece a contía pero non a súa utilización máis específica.