Luns, 19 de novembro de 2012.- A Comisión Provincial da Muller do PP de Lugo propuxo esta mañá que con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, todas as institucións da provincia lucense se unan nun acto simbólico común de repulsa contra esta lacra social.
Neste senso, a Comisión convidou á Subdelegación do Goberno, á Delegación da Xunta en Lugo, Deputación Provincial e aos 67 concellos lucenses a sumarse a esta proposta que leva como lema “Exprésate en contra da Violencia de Xénero”, para tinguir de púrpura a provincia de Lugo como mostra de alianza social en contra da violencia de xénero.
A idea é que na fachada de cada institución colgue un lazo malva e diante de cada un dos edificios oficiais figure unha mesa cun libro en branco no que se recollan frases ou ideas dos membros da corporación municipal, así como de veciños e veciñas, nas que expresen a súa condea ante calquera acto que atente contra a integridade física e a liberdade das mulleres.
Mari Teijeiro explicou que o feito de escribir no libro branco implica “tomar conciencia da magnitude desta problemática” xa que mentres exista un só caso de violencia cara a unha muller, “cada un de nos debemos alzar a nosa man para parala”.
A presidenta da Comisión, Mari Teijeiro, destacou que aínda que esta sexa unha proposta do Partido Popular, “consideramos que nesta loita non caben ideoloxías políticas nin partidistas e debe primar a unión de todos nun día de reflexión e sensibilización para expresar o rexeitamento máis profundo a todo tipo de violencia contra as mulleres”.
Os populares fan esta proposta convencidos de que a erradicación da violencia de xénero pasa por un proceso de maior concienciación social e de educación e que todos os poderes públicos teñen a obriga de adoptar as medidas necesarias para facer reais e efectivos estes dereitos, polo que este acto sería unha mostra de compromiso con esa obriga.