Partido Popular de Lugo

Barreiro e Castiñeira salientaron a fortaleza do Partido que segue medrando en apoios e afiliación

Xoves, 8 de novembro de 2012.- O Presidente Provincial do PP, José Manuel Barreiro e o Presidente da Xunta Local, Jaime Castiñeira amosaron a súa satisfacción polos resultados obtidos nas pasadas eleccións autonómicas. Ambos destacaron que  “foron o reflexo do traballo e o contacto diario a pé de rúa dos colaboradores do partido e do Grupo Municipal”.

Ambos dirixentes destacaron a fortaleza do Partido Popular “estas eleccións serviron para demostrar a implicación e a unidade do partido. A maquinaria electoral funcionou coma un reloxo, tal e como quedou reflictido nos máis de 450 interventores e apoderados que participaron na xornada electoral”.

Ademais de valorar os resultados electorais na Xunta Directiva Local presentouse o informe de afiliación. “Neste momento o número de afiliados do PP en Lugo, 3.500 persoas, é sete veces superior a do PSOE”, indicou Castiñeira.

Na análise que fixo o Presidente da Xunta local dos resultados das autonómicas presentouse unha comparativa con respecto aos comicios do ano 2009. “As cifras reflicten a verdade” salientou Jaime Castiñeira quen engadiu que “Lugo deu un apoio maioritaro ao Partido Popular onde o número de votos escrutados medrou nun 1,5%, mentres que PSOE e BNG baixaron considerablemente, un 33% e un 47% respectivamente”.

Jaime Castiñeira considera “un éxito a victoria conseguida nas 115 mesas do municipio recordando que en 2009, das 113 que había se perderan  12 mesas”.

Castiñeira concluiu a súa exposición cunha reseña aos seus adversarios políticos “o PSOE desfondouse lastrado polas loitas internas a falta de coherencia nas súas actuacións. Os lucenses non se fían deles nin dos bipartitos”, subliñou o Presidente da Xunta local.

Pola súa banda o Presidente Provincial, José Manuel Barreiro, destacou que, malia que nin a Deputación nin o Concello non están en mans do Partido Popular, » por terceira vez consecutiva, Lugo foi a cidade galega onde o PP acadou o maior apoio. En concreto, o apoio en Lugo chegou ao 44,74%, por diante de Santiago (43,4%), Ferrol (41,5%), A Coruña (39,7%), Pontevedra (38,3%), Ourense (38,1%) e Vigo (34,2%).

Coa mirada posta nas municipais

Trala análise dos resultados tanto o Presidente Provincial como o Presidente da Xunta Local afirmaron que  “temos agora que pensar máis aló da victoria electoral” lembrando  que hai que manter o ritmo para conseguir os mesmos resultados “nos próximos procesos  electorais  a das eleccións municipais”.

Nese senso, os dirixentes populares destacaron que seguirán facendo esforzos por manter o traballo de rúa “unha estratexia clave para conseguir os resultados que se acadaron no Concello de Lugo”.