Partido Popular de Lugo

Os populares explican as principais liñas para fomentar un factor clave no desenvolvemento rural: o cooperativismo

A candidata por A Coruña Rosa Quintana, o candidato por Lugo, José Manuel Balseiro e demáis dirixentes e integrantes da candidatura lucense visitaron esta mañá unha cooperativa en Ribadeo.

Logo dun percorrido polas instalacións de Irmandiños S.C.G, adicada, dende 1996, á fabricación de pensos e compostos para animais, os populares destacaron a importancia do cooperativismo para o desenvolvemento do rural galego.

Resaltaron Rosa Quintana e José Manuel Balseiro a traxectoria desta cooperativa, presente en máis de corenta concellos galegos e do occidente de Asturias e que factura máis de 30 millóns de euros.

Asemade, os populares explicaron as liñas que se teñen abertas para o fomento do cooperativismo, que buscan impulsar a suma de esforzos e a cohesión do sector agrogandeiro en ámbitos coma a compra e xestión de maquinaria agrícola ou posta en marcha de Sociedades Agrarias de Transformación (SAT) e organizacións de produtores orientadas cara a comercialización.

Concluíron os populares dando conta do número de cooperativas que actualmente funcionan na nosa comunidade; trátase de máis de 400 agrogandeiras, que supoñen preto do 40% das existentes en Galicia e que, a meirande parte están relacionadas co sector lácteo, sendo tamén importante o censo das dedicadas a pensos, abonos ou fertilizantes, así como as que centran a súa actividade na produción de polos ou coellos e no mundo dos subministros.