O Partido Popular de Galicia defende o mantemento dos fondos para a Política Agrícola Comunitaria (PAC) na proposta de Marco Financeiro Plurianual 2012-2020 e considera que esta debe ser unha prioridade non só para a nosa Comunidade, senón para o conxunto de España. Así o explicou a candidata número 2 pola Coruña, Rosa Quintana, hoxe en Vilalba (Lugo), nun encontro con deputados e senadores do PP centrado nas futuras políticas europeas de agricultura e pesca. Nesta xuntanza advertiu que cómpre equilibrar a chamada “compoñente verde” da PAC –é dicir, as súas esixencias ambientais–, para non prexudicar a competitividade e viabilidade das nosas explotacións.
Nesta mesma liña, Rosa Quintana engadiu que deberían flexibilizarse máis as condicións establecidas na proposta de regulamento para favorecer a implantación progresiva do modelo e unha adaptación menos traumática dos agricultores. Referiuse en particular á definición das prácticas que constituirán o pago para actividades agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente, incluíndo un rango de porcentaxes, en troques do ríxido 30% actual, que os populares consideramos elevado.
Engadiu que un sistema de axudas baseado exclusivamente no criterio da superficie pode dar lugar a desequilibrios importantes en determinados sectores se non se habilitan apropiados mecanismos correctores, como pode ser o de manter os pagos acoplados aos niveis actuais, xa que inciden en dous eidos de vital importancia para Galicia –o lácteo e o vacún de carne–. Canto á supresión das cotas, amosouse a prol dunha prórroga deste sistema máis alá do 2015.
Defensa da frota galega
En relación á Política Común de Pesca (PCP), Rosa Quintana, subliñou que o Partido Popular continuará defendendo os intereses da frota galega e manterá o seu apoio para que a proposta galega gañe forza en Bruxelas e sexa tida en conta no novo marco normativo da pesca europea. Neste sentido, Rosa Quintana destacou a vontade do PP para que se chegase a acadar unha proposta consensuada por unanimidade con todo o sector e aprobada no Consello Galego de Pesca á hora defender aspectos clave para a frota galega, coma o rexeitamento do sistema actual de TACs e cotas e a importancia de contar con informes socioeconómicos ao mesmo nivel que os científicos nos estudos de impacto sobre as especies.
Outro dos puntos clave na defensa do sector é o de adiar a consecución do Rendemento Máximo Sostible do 2015 –ano que propón a UE– ata o 2020 e a defensa da eliminación progresiva dos descartes. Ademais, o PP apoia tamén a posibilidade de intercambiar os Dereitos Transferibles de Pesca –ITQs– entre Estados Membro e que estes teñan máis poder e unha influencia decisiva na adopción de medidas nas súas áreas.
En canto á comercialización, Rosa Quintana sinalou que o Partido Popular de Galicia defende o tratamento homoxéneo para todos os produtos da pesca e da acuicultura comercializados na UE, así como na importancia de contar cunha diferenciación dos produtos. Tamén considera de grande importancia a diferenciación da pesca industrial da de baixura e o marisqueo, un aspecto necesario porque estas modalidades deberían rexerse por regulamentacións diferentes, xa que supoñen condicións económicas e sociais diferentes.