Partido Popular de Lugo

Barreiro fala de dúas opcións: votar aos que nos trouxeron a esta crise ou votar aos que traballan para sacarnos dela

O Presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro durante o mitin celebrado hoxe en Vilalba falou de dúas opcións: votar aos que nos trouxeron a esta crise ou votar aos que traballan para sacarnos dela. Así o puxo de manifesto o presidente provincial, acompañado do candidato á Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Barreiro falou de que o rigor, a solvencia e a boa xestión definen a Alberto Núñez Feijóo como o candidato que loita para sacar a Galicia da crise económica que outros provocaron.

José Manuel Barreiro alertou do perigo que suporía un goberno “bipartito ou pentapartito” para Galicia e  instou aos cidadáns a acudir o vindeiro 21 de outubro as urnas manifestando o voto para o líder creíble, con programa, con ideas e serio, sendo este Alberto Núñez  Feijóo.

Mentras pola súa banda o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, dixo que en Vilalba que nin “pagar facturas dá para titulares nin pagar débedas permite curtas cintas; pero hai que pagar o que se debe e non gastar o que non se ten”. “Somos un pobo traballador que non abandera máis propostas que as do sentido común”, apuntou, e asegurou que non se vai a comprometer “con aquilo que non sexa capaz de conseguir”.

“Comprometinme en blindar o noso autogoberno e a nosa economía. Comprometinme a crear máis prazas de gardaría e de centros de día, a pór 40.000 computadores nas escolas públicas galegas, a que se aprendese inglés tamén no medio rural e tamén na educación pública”, dixo. “Creo que cumprín todo iso”.

 

Mitin en Monforte de Lemos

Feijóo asegurou durante o mitin en Monforte que “deixáronnos unha débeda que pesa como unha losa para a recuperación e buracos nos bancos que vense desde Bruxelas. Que veñan agora a dicir que teñen novos plans non deixa de ser un sarcasmo”.

O presidente do PPdeG lembrou que “o PSOE ía crear 800.000 empregos nos 80 e deixaron o país cun 22% de paro. Logo chegaron outros que falaban menos e traballaban máis e deixárono por baixo do 10% demostrando que se podía facer un gran país no euro e dentro da UE. Cando volveu o PSOE fíxoo para falar de igualdade: a igualdade de estar case todos no paro porque o seu slogan de Polo pleno emprego acabou deixando cinco millóns de parados”, dixo. “Agora din que farán o contrario do que fixeron pero ninguén lles cre”.

Ademais, o candidato popular asegurou que as enquisas van ben pero o que importa son os recontos. “Non é o mesmo gañar nos partidos que nos adestramentos”. Feijóo dixo que “aínda que vaiamos por diante non temos nada: non temos un só voto e non vivimos de contos senón de contas, e as contas farémolas o domingo”. “E non nos preocupa máis nada que as 260.000 persoas que non teñen emprego nestes momentos; por eles presentámonos”.