A cabeza de lista dos populares lucenses, Raquel Arias, dixo hoxe que non é posible crer nun futuro da provincia de Lugo, se non contamos coa mocidade lucense, “coa capacidade de innovación e o emprendemento dos mozos”. Así o puxo de manifesto no marco dun foro celebrado hoxe coa xuventude lucense, no que tamén participou o candidato Juan Francisco López Prieto.
Raquel Arias asegurou que o rigor non está rifado co apoio á mocidade, e así grazas a un déficit máis baixo e a unha xestión máis responsable, leváronse a cabo políticas para os mozos, entre elas citou o mantemento das taxas universitarias máis baixas de España, a aprobación de máis de medio millón de euros en bolsas e o incremento das opcións para as formacións profesionais.
![]() |
Arias expuxo que o reto do seu partido é pórlle fin ao desemprego e amosouse inconformista incluso a pesar de que a taxa de paro xuvenil sexa oito puntos menos que ao do estado. Tamén se manifestou inconformista aínda que 40.000 rapaces aprendan agora inglés “porque debemos aspirar a que todos podan facelo, aspiramos a unha sociedade trilingüe”.
Arias explica que a xuventude foi decisiva no cambio de goberno e por iso fixo un chamamento a acción e a implicación da xuventude xa que os grandes saltos da sociedade “sempre veñen do impulso dos mozos e mozas”
O candidato Juan Francisco López Prieto fixo balance en materia de xuventude do goberno de Alberto Ñúñez Feijóo e así resaltou a aprobación da primeira Lei de Xuventude de Galicia, a elaboración do Plan de Xuventude 2013 (creación dunha estratexia coordinada para todos os departamentos da Xunta), axudas aos mozos desempregados para a obtencións do carné de conducir ou o Plan Aluga.
Juan Francisco López tamén trasladou as propostas do PP en materia de xuventude, entre elas, estimular o relevo xeracional de menores de 25 anos no sector primario, impulsar as liñas de crédito aos mozos emprendedores, manter o compromiso na implantación dos FP dual e seguilas mantendo entre as máis baixas de España, así como a dedución por fomento do autoemprego de 250 euros.
Durante o acto tamén se celebrou un turno para o intercambio de preguntas e inquedanzas por parte dos máis mozos, ao tempo que Raquel Arias lle asegurou aos mozos que Galicia ten futuro e tena “porque sodes vós, e queremos trasladar unha mensaxe de apoio, esperanza e de confianza á mocidade lucense de cara ao futuro”