Partido Popular de Lugo

Balseiro lembra que o único que se investiu no Hospital da Costa nos últimos oito anos foi durante a lexislatura de Goberno do PP

A Mariña, 3 de outubro de 2012.-  O deputado e número tres da candidatura do Partido Popular en Lugo, Jose Manuel Balseiro, explicou hoxe a socialistas e nacionalistas que os únicos investimentos realizados no Hospital da Costa nos últimos oito anos foron os que se levaron a cabo na última lexislatura co goberno do Partido Popular.  Balseiro pon de relevo as mentiras de socialistas e nacionalistas en relación co centro sanitario de referencia da Mariña que foi totalmente esquecido polo bipartito

 

INVESTIMENTO CERO FRONTE A 2 MILLÓNS DE EUROS

Balseiro contrapuxo a achega -nestes últimos catro anos- de máis de dous millóns de euros en obras e melloras tecnolóxicas para este centro hospitalario de referencia da Mariña lucense, co investimento cero durante a etapa de goberno bipartito, un feito que non tiveron mais remedio que recoñecer desde a Xunta de Galicia gobernada por PSOE e BNG a través dunha resposta parlamentaria ao propio deputado popular.

 

OBRAS E MELLORAS TECNOLÓXICAS

Entre as actuacións desenvolvidas polo PP, e esquecidas por socialistas e nacionalistas durante o seu mandato están, a reforma integral do servizo de Tocoxinecoloxía, para o que se investiu máis de un millón de euros e as obras de mellora por un importe de 518.793 euros na reforma da cuberta, rampla de acceso, ampliación da área de espera da resonancia, farmacia e áreas de arquivo do hospital

Balseiro tamén recorda que fronte aos cero euros do bipartito, o PP investiu en equipamentos para a modernización tecnolóxica do hospital como foi os 169.000 para a adquisición de novos ecógrafos nas áreas de cardioloxía, xinecoloxía e radioloxía, ou a implantación do servizo de prevención precoz do cancro de mama que agora dispón de instalacións permanentes no hospital, moito máis modernas.

A todas estas actuacións sumamos tamén o investimento inminente para a reforma integral de todo o servizo e tecnoloxía de anestesia cunha achega estimada de preto de 200.000 euros.

 

AMPLIACIÓN DO HOSPITAL

Os populares lembraron que a próxima lexislatura será a da ampliación do Hospital da Costa, a gran materia pendente, na que o Goberno do Partido Popular vén traballando intensamente nos últimos anos xa que está antes de final de ano terá rematado o plan funcional -moderno e adaptado ás novidades técnico-cirúrxicas actuais- e no 2012 presentará o plan director e arquitectónico do Hospital da Costa.

 

PEDIR PERDÓN

Todos estes datos obxectivos demostran que socialistas e nacionalistas non están lexitimados para falar do hospital da Costa, todo o contrario, “o que deberan facer -dixo Balseiro- é pedir perdón aos veciños da Mariña por retrasar catro anos durante a súa etapa de mandato todos estes investimentos e proxectos que si levou adiante o PP”