Partido Popular de Lugo

A Casa Habanera de Guitiriz acolleu esta tarde unha charla sobre a nova Lei de Montes de Galicia

Guitiriz, 28 de setembro  de 2012.- Acompañada do Alcalde de Guitiriz, José María Teixido e de demáis representantes políticos da comarca da Terra Chá, a actual alcaldesa de Lourenzá, que foi Voceira de Montes do Grupo Parlamentario Popular na lexislatura que remata, levou a cabo esta tarde-noite, na Casa Habanera de Guitiriz, unha xuntanza sobre a nova Lei de Montes de Galicia.

Nun salón repleto de veciños de Guitiriz e dos contiguos concellos, Emma Álvarez Chao deu conta das principais novidades incluídas nesta Lei, que ten como principais obxectivos frear o abandono do monte, xerar rendas e emprego, e fixar poboación no rural galego.

“Mellorar o desenvolvemento socioeconómico e medioambiental sostible de Galicia xerando rendas e emprego no rural, contribuíndo así á fixación da poboación é o obxectivo desta lei”- manifestou a popular, quen engadeu ademáis que “por primeira vez, Galicia conta cun marco normativo propio e estable para desenvolver o sector forestal galego, facendo compatible con outras actividades que se desenvolven no monte, baixo o equilibrio dos tres aspectos que marcan a importancia do noso monte: o económico, o social e o ambiental”-subliñou.

Emma Álvarez explicou que esta nova normativa impulsa a organización do territorio galego, equilibrando os usos do solo e permitindo un adecuado aproveitamento de recursos, racional e multifuncional, para optimiza-las diferentes actividades forestais sen abandonar dos dereitos dos propietarios e os intereses colectivos da sociedade.

“É unha Lei que recolle os aspectos claves para combater a excesiva fragmentación da propiedade, que é o principal impedimento para a rendibilidade económica e sostible do monte”- afirmou a popular, quen engadeu ademáis, que a normativa preserva e fomenta a sostenibilidade do noso monte autóctono, aumentando as restriccións sobre os eucaliptos, xa que prohíbense as reforestacións e as novas plantacións desta especie intercalada en zonas de bosques autóctonos e, en todo caso, tralos incendios forestais.

Por último, Emma Álvarez Chao sinalou que esta lei non se pensa só para que sexa máis doado extinguir os incendios forestais, senón que pretende a ordenación do territorio e dos usos de xeito sostible e ordenado co obxectivo de evitar conflictos no monte e acadar explotacións rendibles no plano económico, social e medioambiental minorando así os lumes.

Coa de hoxe son xa catro as charlas que o Partido Popular de Lugo levou a cabo en relación a Lei de Montes; queren así os populares, efectuar unha labor de pegagoxía e explicación das novidades normativas impulsadas polo actual goberno galego nun ámbito, o da xestión forestal dos montes galegos, de grande importancia en comarcas como a da Terra Chá.