Partido Popular de Lugo

Raquel Arias destaca que o Goberno galego “impulsou o parque de bombeiros de Vilalba despois de que os bipartitos de Xunta e Deputación non se tiveran posto de acordo en anos”

Vilalba, 26 de setembro de 2012. A cabeza de lista pola provincia de Lugo, Raquel Arias, realizou hoxe en Vilalba un balance da xestión levada a cabo dende Xunta nos últimos anos na comarca da Terra Chá, incidindo no esforzo realizado para fortalecer o sistema de servizos públicos esenciais. “Traballamos para as persoas, para procurar o seu benestar, desenvolvemento económico e seguridade, e fixémolo da única forma posible, apostando por xestionar mellor”, asegurou.

En total, investíronse na Terra Chá 253,4 millóns de euros, unha contía “moi a destacar, tendo en conta a contracción que sufriron os orzamentos no conxunto de Galicia, xa que pasamos de dispor de 12.500 millóns de euros a menos de 8.500”, explicou.

A candidata, xunto cos seus compañeiros de formación Agustín Baamonde e Ana Broz, subliñou o apoio ao sector primario, á industria e ao comercio que supuxeron distintas iniciativas da Xunta. En primeiro lugar, afirmou,  “o apoio ao sector primario, tan importante para esta comarca, queda claramente reflectido no feito de que o 45% do investimento da Xunta na comarca corresponde a actuacións de Medio Rural”.

Entre outros investimentos, cabe resaltar os 11 millóns de euros destinados a proxectos e axudas para o desenvolvemento e modernización do rural da comarca, dos que se  beneficiaron 2.175 gandeiros e agricultores. O investimento na produción agropecuaria superou os 18,2 millóns de euros, e en infraestruturas agrarias investíronse por riba de 4,7 millóns de euros.

O Fondo Galego de Garantía Agraria levou a cabo una inversión importante na comarca, con preto de 73,5 millóns de euros destinados aos agricultores e as súas explotacións agrarias. Nesta lexislatura estas axudas pagáronse anticipadamente, en concreto a referida ao pago adicional a explotacións que manteñen vacas nutrices e o pago adicional á produción de carne de vacún de calidade recoñecida oficialmente.

A candidata non quixo eludir a situación que atravesa o sector leiteiro, tan importante para a economía desta comarca. “Hai boas perspectivas para que o leite en orixe alcance un prezo xusto -asegurou-. As xestións realizadas durante toda a lexislatura polo presidente Feijoo en Madrid  atoparon eco coa chegada de Mariano Rajoy, avanzándose máis nos 9 meses deste goberno que nos sete anos anteriores”.

Deste xeito, as directrices da Xunta orientaron o novo camiño do Goberno central, que prepara dous proxectos de lei, “un relativo á cadea alimentaria e outro dirixido a mellorar a estrutura da oferta no marco da cadea alimentaria, que confiamos en que axuden a regular as relacións comerciais entre produtores e empresas leiteiras”, informou Arias.

Entre as actuacións que máis contribuíron a mellorar a calidade de vida dos veciños da comarca, Raquel Arias resaltou a creación do parque comarcal de bombeiros de Vilalba, ao que se destinaron 1,45 millóns. “O actual Goberno desbloqueou e impulsou un proxecto de vital importancia como este, despois de que os bipartitos de Xunta e Deputación non se tiveran posto de acordo en anos. Demostrouse unha vez máis que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo traballou e traballa para satisfacer as necesidades dos cidadáns, e non as dos partidos”.

Igualmente, referiuse ao incremento de recursos públicos, creando novas prazas para persoas maiores e persoas con discapacidade así como en garderías.  En conxunto, investíronse máis de 2 millóns de euros no mantemento do sistema de benestar,   destacando actuacións como a creación do Centro de día de Begonte, o Centro de día de Cospeito ou a Escola Infantil en Vilalba, así como as obras de rehabilitación e equipamento do Centro de Discapacidade de iniciativa social de Castro de Rei. Ademais multiplicouse  case por catro o número de persoas dependentes atendidas na comarca.

A candidata incidiu tamén no apoio ás empresas, reforzado pola posta en marcha do  plan ImpulsaLugo, un programa de axudas orientado ao reequilibrio territorial que na comarca favoreceu investimentos por valor de 18,3 millóns de euros.

As axudas ao comercio para os concellos foron de 1,7 millóns de euros, continuou Arias. A Dirección Xeral de Comercio leva investido 725.002 euros euros nos tres últimos anos só no comercio de Vilalba, para facelo máis competitivo e dinámico, a través de tres grandes eixes de actuación: As subvencións para mellora de entornos comerciais (reurbanización da Rúa Porta da Cima), subvencións para o fomento do asociacionismo e axudas directas a comerciantes e artesáns.

Actuacións en todos os eidos

O emprego foi unha preocupación constante da Xunta de Feijóo, e así, impulsáronse obradoiros de emprego en Abadín, Cospeito e Vilalba, e accións formativas nas que participaron máis de 1.800 persoas desempregadas da comarca, cun investimento global de 6,2 millóns de euros.

Igualmente, destináronse 4,1 millóns de euros a través dos plans de cooperación para que os concellos da zona puideran contratar a 350 persoas desempregadas.

“Foron múltiples as actuacións en infraestruturas públicas, medio ambiente, educación, cultura ou patrimonio que esta Xunta realizou na comarca”, apuntou Arias. Entre outras, relatou, melloras en centros educativos (700.000 euros); no acondicionamento de estradas (73,4 millóns); axudas para a mellora de infraestructuras eléctricas e enerxías renovables (3,5 millóns); investimentos en deporte (958.000 euros), ou en materia de vivenda –con 55 vivendas de promoción pública entregadas aos concellos de Cospeito, Xermade, Muras, A Pastoriza e Vilalba e distintas liñas de apoio á rehabilitación-.

“En definitiva -concluíu a exdelegada territorial- este foi o Goberno da solvencia, o control do déficit público, a blindaxe dos servizos sociais e do reequilibrio territorial, e iso nótase nos investimentos realizados, en todos os eidos e en todos os concellos, independentemente da cor política”.