Monforte, 24 de setembro de 2012. A cabeza de lista do PP pola provincia de Lugo, Raquel Arias, destacou hoxe o esforzo inversor que realizou o goberno da Xunta na comarca de Lemos, atendendo sempre “ao conxunto dos cidadáns, tendo en conta as necesidades dos distintos lugares e non a ideoloxía política do goberno local”
Arias afirmou que, “mentres outros criticaban e promovían plataformas, a Xunta investía nos servizos públicos esenciais, a educación, a sanidade ou as prestacións sociais”.
A candidata asegurou que a mellora na xestión do Hospital Comarcal de Monforte permitiu que “se estean a realizar un 50% máis de intervencións que no ano 2008”. “Incrementamos os medios humanos e materiais, e como consecuencia temos listas de espera máis baixas”, indicou. Igualmente, “nestes case catro anos multiplicamos por seis o número de persoas dependentes atendidas na comarca”.
Arias sinalou que o goberno de Alberto Núñez Feijóo “foi o da solvencia, o control do déficit público, a blindaxe dos servizos sociais e o reequilibrio territorial”, e dan proba disto os importantes investimentos realizados no sur da provincia lucense.
E todo iso foi posible, aseverou a candidata, grazas a unha política económica que reorientou o gasto cara aos servizos básicos e aforrou en organización administrativa. “Quero recordar que a primeira medida do Goberno de Núñez Feijóo foi introducir un novo modelo de administración periférica, creando unha única Delegación Territorial, o que permitiu aforrar en Lugo case 4 millóns de euros en cargos políticos, coches e gastos de funcionamento, o que equivale ao custo do mantemento de 170 prazas en residencias da terceira idade”.
A exdelegada territorial lembrou que o Goberno de Núñez Feijóo “tivo que xestionar a crise económica máis grande dos últimos 80 anos, pasando dun orzamento de 12.000 millóns de euros a menos de 8.500. E aínda así os investimentos na Comarca de Lemos na lexislatura alcanzaron os 145,5 millóns de euros”.
Estes investimentos, apuntou, serviron para “impulsar o avance de estradas e infraestruturas, a promoción empresarial e comercial, a modernización do rural e a mellora dos servizos sociais”.
Raquel Arias subliñou o avance experimentado por dous grandes proxectos para o sur da provincia, a nova vía de alta capacidade Sarria-Monforte e o Porto Seco, así como as súas conexións tanto con esta estrada como coa N-120.
A primeira fase do Porto seco de Monforte ten unha inversión final prevista de máis de 5,6 millóns de euros. Os proxectos dos enlaces xa foron sometidos a información pública, e supoñen investimentos de máis de 23 millóns de euros.
Polo que respecta á obra do corredor, nos vindeiros días estará listo para entrar en funcionamento o primeiro tramo, entre os enlaces de Sarria Sur e O Incio.
Esta foi a lexislatura do reequilibrio territorial, insisitiu Arias. A converxencia coas provincias atlánticas orientou as políticas da lexislatura dende o primeiro momento, e para elo púxose en marcha o plan ImpulsaLugo. Grazas a este plan, a inversión na promoción empresarial nesta comarca derivada das axudas do Igape superou os 41,2 millóns de euros. Así mesmo, as axudas ao comercio para os concellos superaron os 1,1 millóns de euros.
O Plan de Banda Larga de Galicia tamén serviu ao obxectivo do reequilibrio territorial, repasou Arias. “Hai tres anos comezou a súa implantación precisamente por este territorio, que era un dos máis illados tecnolóxicamente”.
Mediante esta iniciativa, puntualizou, “xeneralizamos a cobertura de banda larga de calidade nunha comarca na que a porcentaxe de acceso á rede estaba algo por riba do 30% da poboación”.
O desenvolvemento e modernización do rural da comarca foi outra das preocupacións do Goberno da Xunta, que destinou 2 millóns de euros a proxectos e axudas que beneficiaron a 750 agricultores e gandeiros. Os investimentos en infraestruturas agrarias superaron 2,4 millóns de euros, e na produción agropecuaria os 5,7 millóns de euros.
Outro dos eixos centrais das políticas da lexislatura foi a creación de emprego. A través dos plans de cooperación a Xunta investiu na comarca 4,12 millóns de euros, que serviron para dar un emprego a preto de 300 persoas desempregadas.
Ademais, máis de 1.000 persoas beneficiáronse das accións formativas e dos obradoiros de emprego levados a cabo na comarca, un deles en Monforte de Lemos, aínda que logo, como se apuntou na rolda de prensa, o concello perdeu a posibilidade de contar con outro por desidia do seu alcalde.
Críticas á falta de cooperación
A tamén candidata Julia Rodríguez, portavoz do grupo popular no concello de Monforte, tivo palabras críticas para a falta de cooperación que a Xunta encontrou estes anos no goberno local do BNG, coa conivencia do PSOE.
Fronte ao traballo da Goberno do PP, afirmou, “observamos que BNG e PSOE mantiveron na comarca un comportamento insidioso, e dedicaron en exclusiva estes anos a alentar plataformas contra a Xunta”.
Para a candidata do PP, esta actitude tivo consecuencias “especialmente graves para Monforte, que perdeu investimentos pola incapacidade do seu alcalde para xestionar”. “Mentres facía política polo seu partido, desatendía as súas obrigas como alcalde”, de modo que perdeu subvencións para un obradoiro de emprego, axudas para o Conservatorio de Música ou axudas do INEGA para eficiencia enerxética, “ben por non solicitalas ou por non completar a documentación requirida”.
“Iso tivo consecuencias para a cidadanía -concluíu-; por exemplo, agora debe apagar as farolas da ampliación da circunvalación porque non pode pagar o custo enerxético. E iso que no conxunto de concellos da comarca, o Inega investiu máis de 1,5 millóns de euros en subvencións para infraestruturas eléctricas e enerxías renovables”.
“A conduta irresponsable de BNG e PSOE tivo outras consecuencias aínda peores”, apuntou Julia Rodríguez. “Dedicaron moito tempo e esforzo e atemorizar á cidadanía respecto ao suposto peche do hospital comarcal e a eliminación dos servizos sociais, mensaxes ambas que o tempo se encargou de contradicir”.