Partido Popular de Lugo

OS POPULARES LUCENSES SUBLIÑAN QUE CO GOBERNO DE FEIJÓO “LUGO SAÍU GAÑANDO NUN CONTEXTO DE DIFICULTADE ECONÓMICA”

Lugo,  21 de setembro de 2012.- Os populares lucenses fixeron hoxe balance da xestión realizada pola Xunta ao longo da última lexislatura e da súa  incidencia na nosa provincia. Nunha rolda de prensa na que interveu Jose Manuel Barreiro, Raquel Árias e Jaime Castiñeira -acompañados dos integrantes da candidatura popular ao 21-O- os dirixentes provinciais destacaron que “nun contexto de dificultade, lonxe de retroceder, a provincia de Lugo saíu gañando”.

O primeiro en intervir o presidente provincial dos populares lucenses e portavoz do PP no Senado, Jose Manuel Barreiro, quen significou que durante  estes últimos tres anos e medio, “a provincia de Lugo estivo sempre presente para o Goberno da Xunta”, un feito que tivo o seu reflexo tanto en materia de investimentos, como en materia de infraestruturas e no blindaxe e ampliación dos servizos públicos, educativos e de benestar, como foi o caso do novo Hospital de Lugo”.

Barreiro cuantificou en 1.371,8 millóns de euros o investimento da Xunta nesta provincia e dixo que gran parte deste investimento dirixiuse a apoiar os dous grandes sectores produtivos da nosa provincia: o agro, a pesca, porque -“aínda que os descoidara o malogrado bipartito da anterior Xunta o actual na Deputación, a nosa provincia ten tamén moitos quilómetros de costa e un número importante de empresas e traballadores vinculados a ambos sectores”.

Para o presidente provincial do PP, estes tres últimos anos e medio permitiron ver con total claridade e obxectividade o compromiso do Goberno Feijóo con esta provincia. “Lexislatura na que se aplicou unha forma distinta de facer política, unha forma distinta de gobernar. Unha xestión que se basea na austeridade, na responsabilidade, no rigor, e en poñer os recursos nas necesidades da sociedade e non nos políticos”.

Barreiro advertiu, finalmente, que o 21-0 os lucenses “terán que optar entre unha garantía de futuro, un goberno estable, unha persoa como Feijóo que é recoñecida en todo o país, porque a política económica aplicada en Galicia é un referente nacional ou apostar por unha multitude de partidos desconexos, un pentapartito presidido por Manuel Vázquez, por tres versións distintas do bloque -unha delas con IU- e finalmente polos paracaidistas que acaban de chegar a nosa política”.

Despois foi a quenda da cabeza de lista do PP pola provincia de Lugo, Raquel Arias, quen fixo un repaso máis polo miúdo de cada unha destas actuacións en diferentes ámbitos logo de significar que o pulo “á dependencia, aos servizos, á sanidade e á educación” foron “eixes fundamentais da xestión do goberno de Feijóo”

Arias situou o emprego e os servizos sociais no eixe das políticas desenvolvidas pola Xunta de Galicia nos últimos anos. “Foron o centro dos nosos esforzos –destacou- e iso quedou reflectido nos últimos Orzamentos Xerais do ano 12:  3 de cada 4 euros están dirixidos a Educación, Sanidade e a Servizos Sociais, unha proba de que son eixes fundamentais do goberno de Feijóo”.

A cabeza de lista do PP pola provincia de Lugo repasou algunhas das actuacións desenvolvidas polo Goberno da Xunta na provincia, comezando por destacar o esforzo realizado en políticas sociais.  “Polo que respecta á aplicación da Lei de Dependencia, conseguimos multiplicar o número de expedientes resoltos rexistrados case por 10. Hoxe o número de beneficiarios é de case 9.000, e dispoñemos dun procedemento que resulta áxil e eficiente para todos os implicados”, expuxo. Ademais, engadiu, “esta Xunta dotou á provincia de case 500 novas prazas públicas en residencias públicas e centros de día”.

No ámbito educativo o programa Abalar e a introdución de centros e seccións plurilingües supuxeron un considerable salto cualitativo. “Actualmente, na provincia de Lugo, dispoñemos de arredor de 250 seccións bilingües, dentro do programa de mellora na competencia de outros idiomas, e contamos xa con 80 centros dentro do programa Abalar, que dota aos centros de ordenadores e novas tecnoloxías dixitais e informáticas para promover a formación do alumnado coas novas tecnoloxías”, afirmou Arias.

Ao fío deste tema, Arias destacou tres datos con especial incidencia en Lugo: “Os centros educativos desta provincia contan cunha ratio de alumnos por profesor de arredor de 9,7, unha cifra que a sitúan nunha posición de cabeza dentro de España. Relacionado con isto, convén recordar que, ao longo desta lexislatura, a actuación da Consellería de Educación conseguiu reducir en máis dun 5% (de 26% a 20,8%) a porcentaxe de fracaso escolar que deixara o bipartito. E, pese a todo o que se ten criticado de xeito inxustificado, Galicia conta hoxe cos taxas universitarias máis baratas do Estado”, concretou.

Polo que respecta ao eido sanitario, Arias aludiu a que o actual Goberno aportou “preto de 45 millóns de euros para rematar as obras e equipar o Hospital Universitario Lucus Augusti, convertíndoo nun referente a nivel nacional e internacional”. Do mesmo xeito, acometéronse melloras no Hospital de Monforte e no Hospital da Costa: “No primeiro dos centros, por exemplo, incrementouse con 7 novos facultativos a plantilla de médicos, ademáis de desenvolverse melloras por valor de 1,5 millóns de euros. Hoxe realízanse máis operacións neste centro que no 2008. Realízanse case metade máis de operacións que nese ano”, enfatizou.

Con relación ao Hospital da Costa, ademáis de importantes melloras nas instalacións, “cómpre subliñar que a Consellería de Sanidade está elaborando un novo plan funcional, un documento que está previsto que sexa presentado antes de final de ano. Unha vez que se presente o plan funcional, prevese o impulso da redacción do plan director e arquitectónico para a ampliación do hospital”, aseverou Arias.

O resultado da xestión deste Goberno de Feijóo deu como resultado que nos tres centros hospitalarios se reducisen as listas de espera”, subliñou a candidata do PP.

Pero ademais, outro eixo do actual goberno da Xunta foi a converxencia, a Galicia única, que inspirou a posta en marcha do plan ImpulsaLugo, un programa que pretende promover o asentamento ou o mantemento de empresas na provincia lucense, “co obxectivo de afianzar o reequilibrio territorial entre esta provincia e as provincias atlánticas”. Máis de 270 empresas se teñen beneficiado xa das achegas deste plan, segundo a número 1 da lista provincial do PP para as eleccións autonómicas do 21 de outubro.

Pese á actual conxuntura económica, incidiu Arias, os investimentos reais dispostos para esta provincia de Lugo no presente ano alcanzan os 148 millóns. “É dicir, arredor dun 11,5% máis de investimento que o que destinou o bipartito para o mesmo fin no ano 2009. E iso que entón era época de bonanza económica”, significou Arias, en referencia aos orzamentos de 12.000 millóns de euros no último ano do bipartito, polos 8.500 millóns da actualidade.

Polo que respecta ás infraestruturas, Arias incidiu en que “o compromiso amosado polo Goberno autonómico a prol da converxencia entre as provincias galegas”, facilitou que en Lugo “se puxeran en marcha en tres anos e medio o Plan de Banda Larga e se axilizase a mellora das infraestruturas viarias”.

O Plan de Banda Larga de Galicia iniciouse en Lugo e “nunha provincia na que a orografía e a dispersión poboacional dificultaban o acceso a internet, conseguimos en tres anos revertir un desequilibrio que facía que só o 37% da zona zona sur tivese cobertura de calidade para acceder a internet. Hoxe, o 85% dos lucenses contan con acceso á internet de calidade”, destacou a cabeza de lista do PP por esta provincia.

Así mesmo, no ámbito das infraestruturas viarias, Arias destacou “o impulso á VAC da Costa (San Cibrao-Ferrol)”, posto que esta Xunta de Alberto Núñez Feijóo, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas “foi quen de rachar co bloqueo herdado do bipartito, e agora está xa en execución ou en expropiación a metade desta vía de alta capacidade”.

Tamén asegurou Arias que “dentro da VAC Sarria-Monforte, ao longo do próximo mes abrirase o trazado que une Sarria con Oural”, que forma parte do tramo Sarria-Noceda e “está previsto que os tres tramos desta vía estean abertos por completo no próximo ano”. En definitiva, serán 28,74 quilómetros dunha vía que “unirá definitivamente” o sur e o centro desta provincia, e na que se terán investidos arredor de 130 millóns de euros.

No capítulo de infraestruturas, a número 1 da candidatura do PP por Lugo tamén se referiu á posta en marcha do Polígono Industrias das Gándaras, no que se investiron 30 millóns de euros e xa ten comprometida a venda dun terzo da súa superficie, e “ao compromiso e o empuxe” ao Porto Seco de Monforte. “O Executivo de Feijóo recuperou as competencias para proceder á urbanización do Porto Seco ante a imposibilidade da firma privada que tiña a concesión para facelo a través da xestión do anterior Executivo do PSOE e BNG. Hoxe, xa está prácticamente rematada a primeira fase da urbanización (5,5 millóns de euros), e está en marcha tamén o proceso de execución dos accesos ao mesmo (24 millóns de euros en total)”, explicou Arias.

No tocante ás vivendas de promoción pública, Arias sinalou que entre as vxa entregadas e as que están a piques de entregarse, 600 familias poderían cerrar esta lexislatura cunha nova vivenda de promoción pública, polas 181 que entregara o bipartito entre o 2005 e o 2009.

Arias indicou con relación ao medio rural que o “apoio decidido” ao longo da presente lexislatura, deparou por exemplo que se entregasen “ unha media de máis de 20 millóns de euros que beneficiaron a unha media de más de 5.000 gandeiros e agricultores lucenses para plans de mellora, incorporación de mozos á actividade agraria ou  reestruturación do viñedo”.

Ademais de loitar polos contratos homologados, que en breve serán unha realidade, a Xunta impulsou tamén durante toda a lexislatura diferentes medidas financeiras para paliar as dificultades do sector agrogandeiro, consistentes tanto en axudas directas como en liñas de crédito.

No tocante ao ámbito marítimo e pesqueiro, Arias considerou “clave” o aumento da tripulación do helicóptero Pesca-2 (pasou de 8 a 18 a dotación de persoal) para “garantir a operatividade as 24 horas do día 365 días ao ano e establecendo unha base permanente en Celeiro, conscientes como somos de que salvar vidas non ten prezos”. Esta medida supuxo un investimento de 15 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia presidida por Feijóo.

En infraestruturas marítimas,  destacou tamén  plan de investimentos portuarios que  supuxeron unha mellora substancial de todos os peiraos lucenses. No ámbito comercial, subliñou o investimento de 2,2 millóns de euros na mellora do porto de Mirasol, en Ribadeo.

Todas as accións desenvoltas leváronse a cabo cun Goberno que tivo como obxectivo desde o primeiro día unha reforma da administración que supuxo reducila facendo “un goberno máis áxil, eficiente e barato, coa redución de máis dun 50% os altos cargos”, algo que, só en Lugo deparou un aforro duns 4 millóns de euros. Segundo exemplificou Arias, ese aforro representa “o custe  dunhas 170 prazas de residencia para maiores ao longo dun ano”.

O resultado desta reducción é unha Galicia que hoxe, segundo as palabras de Arias, está “á cabeza en canto a solvencia no conxunto de España gracias o traballo desenvolto polo Executivo de Alberto Núñez Feijóo e contando cuns funcionarios aos que hai que agradecerlles o seu traballo e compromiso, porque foron actores principais destas melloras na xestión e na eficacia”.