Partido Popular de Lugo

O foro do PPdeLugo sobre o sector produtor cárnico celebrado en Sarria contou coa presenza de Rosa Quintana e Jose Manuel Barreiro

Sarria, 16 de setembro de 2012.- O foro sobre o sector produtor cárnico organizado polo Partido Popular de Lugo en Sarria contou esta tarde coa presenza de Rosa Quintana e do presidente provincial dos populares lucenses Jose Manuel Barreiro, ademais dun importante número de profesionais gandeiros.

No mesmo o PP quixo destacar a importancia que o sector cárnico ten non só en Galicia senón tamén en Lugo. De feito, a nosa provincia achega o 60% dos tenreiros e canles da IXP (Indicación Xeográfica Protexida) Ternera Gallega e só Sarria hai máis de 1.900 explotacións de bovino e máis de 41.000 vacas reproductoras, ademais de 80 explotacións industriais de porcino con capacidade para máis de 68.000 porcos cebados.

MELLORAR A SITUACIÓN DA GANDERÍA, NO LÁCTEO E NO CÁRNICO

Os populares lucenses sinalaron que o Goberno do PP ten traballado e está traballando para mellorar a situación da gandería, tanto no lácteo como no cárnico, conscientes das dificultades coas que se atopa este sector neste momento: tanto polos baixos prezos do leite, como pola complicada viabilidade do cárnico, acrecentada pola suba de custes.

APOSTA POLAS RAZAS AUTÓCTONAS

Neste sentido, o foro do PPdeLugo serviu para poñer en valor unha serie de medidas impulsadas pola Xunta como son a aposta polas razas autóctonas, que permitiu mellorar os recursos zooxenéticos e aplicar un modelo produtivo cuxo resultado foi un aumento xeneralizado dos censos de animais, desde un 50% no de vaca morena ata máis dun 20% no do porco celta.

OFICINA AGRARIA VIRTUAL

Os populares valoraron tamén a aposta desenvolvida para achegar a administración e simplificala, de feito nesta lexislatura botou a andar a Oficina Agraria Virtual que permite a obtención de guías de movementos pecuarios, a consulta de solicitudes, censos e movementos de animais así como a súa identificación ou a solicitude de duplicados de crotais.

CALIDADE DIFERENCIADA

No foro lucense sobre a produción cárnica tamén se abordou a aposta pola calidade diferenciada, que contou con máis de 278 M€ para impulsar 700 iniciativas de creación, ampliación ou modernización de industrias agropecuarias e forestais.

Profesionais e dirixentes do PP coincidiron na necesidade de que se  siga traballando nesa liña, por exemplo, a través de estratexias de promoción do emprego da Lonxa Agropecuaria Virtual, promovendo o apoio da PAC ás zonas desfavorecidas e de montaña ou apostando pola calidade como elemento de diferenciación.