Partido Popular de Lugo

Barreiro: “A solvencia e o rigor son hoxe a carta de presentación de Galicia e isto non podemos poñelo en perigo con experimentos como o bipartito”

Vilalba, 15 de setembro  de 2012.- A capital da Terra Cha, Vilalba, acolleu no día de hoxe unha reunión do presidente provincial do Partido Popular, Jose Manuel Barreiro xunto aos alcaldes, portavoces locais e concelleiros da comarca. Nela tamén participaron integrantes da candidatura do PP ás vindeiras eleccións do 21 de outubro logo da súa presentación oficial na tarde de onte.

O presidente provincial repasou as principais actuacións desenvolvidas pola Xunta na Terra Chá, “para compensar o esquecemento na que a mantiña o bipartito” e entre as que citou a conclusión da autovía Ferrol-Vilalba (AG-64), os campos de herba artificial en Vilalba e en Cospeito, a economía -con axudas do Igape en diferentes liñas- ou as infraestruturas -co desbloqueo das xestións do polígono de Pacios-Baamonde-

Jose Manuel Barreiro dixo que a longo das vindeiras semanas o Partido Popular ten diante de si a oportunidade de desenvolver unha tarefa de explicación do feito nestes tres anos e medio na Xunta, así como dar a coñecer as principais propostas a desenvolver de obter de novo a confianza maioritaria dos galegos.

Nesa liña Barreiro subliñou que o principal logro de Galicia nestes tres anos e medio foi controlar o déficit público a pesar da herdanza recibida, para así blindar o gasto social e poder facer políticas de benestar como aumentar as prazas de gardarías, non subir as taxas universitarias, atender aos inmigrantes irregulares na sanidade pública, non cobrar un euro por receita, construír hospitais e que os maiores non adianten diñeiro polos medicamentos.

SOLVENCIA E RIGOR

Barreiro amosouse convencido de que se todas as autonomías seguisen a senda de Galicia, hoxe non estarían a solicitar liquidez ao Estado senón que se financiarían nos mercados aos intereses máis baixos posibles, como fai a Xunta. “A solvencia e o rigor son hoxe a carta de presentación de Galicia no resto de España e ante os mercados de investimento e isto non podemos poñelo en perigo coa volta do bipartito, ou o que é peor, cun goberno troceado entre catro ou cinco partidos cuxo único punto en común é a súa obsesión antiPP”-dixo.

Segundo Barreiro, “volveremos demostrar que somos o partido que máis se parece aos galegos, representando a todas as comarcas, a todas as provincias, á costa e ao interior, á cidade e ao rural. Porque somos un partido profundamente enraizado en Galicia, no que caben todas as xentes da comunidade. E sentímonos orgullosos deles. Un sentimento, e un amor por Galicia que, por certo, tivo un mestre excepcional, o noso presidente fundador Manuel Fraga”.