Lugo, 14 de setembro de 2012.- A Casa da Cultura de Alfoz acolleu unha charla sobre a nova Lei de Montes, organizada polo Partido Popular na provincia de Lugo, e á que foron convidados veciños desta localidade e do contiguo concello do Valadouro.
No acto estivo presente tanto o alcalde da localidade, Emilio Lousas, como o coordinador provincial de campaña e secretario xeral dos populares lucenses Jose Manuel Balseiro.
A relatora foi Emma Álvarez Chao, voceira de Montes do Grupo Parlamentario Popular na lexislatura que remata quen defendeu que o novo texto normativo “pretende, por un lado, frear o abandono do monte e, por outro, mellorar o desenvolvemento socioeconómico e medioambiental sostible de Galicia xerando rendas e emprego no rural, contribuíndo así á fixación da poboación”.
“Por primeira vez, Galicia conta cun marco normativo propio e estable para desenvolver o sector forestal galego, facendo compatible con outras actividades que se desenvolven no monte, baixo o equilibrio dos tres aspectos que marcan a importancia do noso monte: o económico, o social e o ambiental”-indicou a Emma Álvarez.
AMPLO CONSENSO
A popular subliñou tamén o “amplo consenso” co que chegou esta norma ao Parlamento, logo da celebración de máis de 30 xuntanzas coas 20 asociacións representadas no Consello Forestal de Galicia que, xunto coas achegas recollidas no período de exposición pública, “supuxo que máis do 75 por cento dos artigos do proxecto experimentasen algún tipo de modificación”.
MONTE MELLOR ORGANIZADO
Emma Álvarez explicou que esta nova lei “impulsa a organización do territorio galego, equilibrando os usos do solo e permitindo un adecuado aproveitamento de recursos, racional e multifuncional, para optimizar as distintas actividades forestais sen menoscabo dos dereitos dos propietarios e os intereses colectivos da sociedade”. “É unha norma que recolle os aspectos claves para combater a excesiva fragmentación da propiedade, que é o principal impedimento para a rendibilidade económica e sostible do monte, apuntou.
De feito, quen foi ponente da Lei de Montes no Grupo Parlamentario Popular indicou que “por primeira vez nun proxecto de Lei de Montes de Galicia se aborda dunha forma tan fonda e concreta medidas dirixidas a afrontar os grandes problemas da estrutura da propiedade galega, limitando as novas parcelacións e segregacións, e fomentando e incluso obrigando á agrupación da xestión dos propietarios forestais en ditas masas arboradas”.
SOSTENIBILIDADE DO MONTE AUTÓCTONO
Así mesmo, sinalou que “preserva e fomenta a sostenibilidade do noso monte autóctono, aumentando as restricións sobre os eucaliptos, xa que se prohiben as reforestacións e as novas plantacións desta especie intercalada en zonas de bosques autóctonos e, en todo caso, tralos incendios forestais”.
“Recóllese o pastoreo como un dos principais aproveitamentos forestais e especifícase que debe ser regulado a través do instrumento de ordenación ou xestión forestal, asegurando un aproveitamento múltiple de todos os produtos e servizos do monte”, sinalou.
Emma Álvarez subliñou, ademais, que a nova lei “recolle unha batería de posibilidades para facilitar de xeito importante que a superficie forestal poida ter unha actividade agrícola de xeito que as explotacións poidan aumentar a súa base territorial, e a non ser que dito cambio de actividade supoña unha superficie significativa e leve a eliminación de superficies compostas por frondosas caducifolias non será necesario unha autorización administrativa de cambio de uso”.
“En cambio, para cambiar dunha actividade agrícola a forestal esíxese a necesidade de que dita superficie estea adscrita a un banco de terras durante dous anos sen que ninguén solicite o seu interese, ademais de que dito espazo se atope nun evidente estado de abandono, linde con terreos forestais e sexa unicamente para frondosas caducifolias”, concretou Álvarez Chao.
Por último, Álvarez Chao sinalou que esta lei “non se pensa unicamente para que sexa máis doado extinguir os incendios forestais, senón que pretende a ordenación do territorio e dos usos de xeito sostible e ordenado a fin de evitar conflitos no monte e acadar explotacións rendibles no plano económico, social e medioambiental minorando así os lumes”.
Sen embargo, anotou que se manteñen “todos e cada un dos instrumentos e infraestruturas na loita contra os lumes, nomeadamente o Plan de Defensa contra os incendios forestais, os plans de defensa de distrito forestal, os plans municipais, as franxas libres de vexetación e as redes de xestión de biomasa”.
CHARLAS EN VIVEIRO E GUITIRIZ
Desde o PP de Lugo tamén subliñaron que están previstas novas charlas noutros concellos da provincia como é o caso de Viveiro (venres 21) e Guitiriz (venres 28).