Partido Popular de Lugo

Os populares lucenses elixiron Ribadeo para levar a cabo dous encontros sectoriais con Concelleiras e Asociacións de mulleres

Ribadeo, 11 de setembro de 2012.-  O salón de actos da Casa do Mar de Ribadeo foi o lugar escollido polos populares lucenses para albergar, esta tarde, dous encontros sectoriais: un deles con Concelleiras e outro con Asociacións de mulleres.

A primeira cita, tivo lugar ás 19 horas, onde as mulleres, edís da Mariña, mantiveron un encontro de traballo co Presidente Provincial, José Manuel Barreiro e coa Coordinadora de Benestar el Política Social, Susana López Abella. Un acto no que tamén estivo presente o Coordinador Provincial de campaña e Secretario Xeral do PP de Lugo, José Manuel Balseiro.

De seguido, ás 20 horas, os dirixentes populares reuníronse coas principais Asociacións de mulleres da comarca, onde se abordaron distintos asuntos relacionados co ámbito de actuación destes colectivos.

Os populares lucenses quixeron amosar o seu convencemento de que avanzar na igualdade de oportunidades é progresar na configuración dunha sociedade máis equilibrada e solidaria e apostaron por compartir opinións e suxestións de cara a dar unha mellor resposta aos retos do día a día, na procura dunha maior e mellor presenza feminina en tódolos ámbitos da vida social e profesional.

Concluíron os populares lucenses facendo un chamamento a que homes e mulleres se sumen ao proxecto compartido de construír un mundo máis solidario, máis equilibrado e sen discriminacións e tamén a multiplicar esforzos e recursos para poñer en valor o excelente traballo que están a desenvolver as mulleres, coa súa cada vez maior presenza -en moitos casos por riba do colectivo masculino- en ámbitos como a política, a xestión das administracións públicas, ou na participación activa dentro dos colectivos sociais.