Partido Popular de Lugo

Jose Manuel Barreiro abre o novo curso político provincial cunha reunión co Partido Popular da Mariña

A Mariña lucense, 21 de agosto de 2012.- O presidente provincial do PP en Lugo e portavoz do Grupo Popular no Senado, Jose Manuel Barreiro, escolleu a localidade de Foz para manter un encontro cos representantes do Partido Popular de Mariña que serviu de primeiro acto de apertura do novo curso político provincial.

Jose Manuel Barreiro reuniuse cos alcaldes, portavoces locais, deputados e principais cargos públicos da formación popular nesta comarca a fin de analizar distintas cuestións de actualidade e poñer en marcha a maquinaria do partido coa mirada posta nas vindeiras eleccións autonómicas.

 

TARIFA ELÉCTRICA DE ALCOA

Unha das cuestións analizada neste encontro popular foi a relativa a tarifa eléctrica de Alcoa. Barreiro explicou que o Goberno español, máis en concreto o Ministerio de Industria, está negociando coas empresas afectadas e coas eléctricas para acadar unha solución e lembrou que ata final de ano segue vixente a actual tarifa eléctrica.

Ao mesmo tempo o presidente dos populares lucenses deixou claro ante os representantes políticos do PP comarcal que será a formación política que preside a primeira á hora de poñerse ao carón dos traballadores desta compañía e reivindicar a necesidade de promover todos os mecanismos necesarios para garantir o futuro dos empregos e da actividade industrial dunha empresa que representa o principal motor económico da Mariña e, por influencia no seu PIB -entorno ao 30%- un dos motores económicos de toda a provincia.

 

SOLUCIÓNS FRONTE AOS 24 MIL MILLÓNS DE DÉFICIT TARIFARIO

“O Partido Popular, o Goberno da Xunta, o Ministerio, os alcaldes e portavoces… estamos traballando na mesma dirección e sen pausa por corrixir aquilo que outros non quixeron ou souberon arranxar. Para corrixir a  situación herdada dos socialistas e ofrecer solucións á difícil problemática que atopamos ao chegar á responsabilidade de goberno en España: Un déficit eléctrico disparado, con 24 mil millóns de euros e un marco tarifario para grandes consumidores cuxo prazo de vixencia remata ao finalizar este ano.  Desde a confianza neste esforzo, quero dar unha mensaxe de confianza: Loitaremos por atopar unha solución satisfactoria”.- asegurou Barreiro.

 

DESBLOQUEO AOS PAGOS DA TRANSCANTÁBRICA

O encontro popular tamén servirá para analizar outras cuestións da actualidade provincial, galega e nacional, así como medidas de importancia para a Mariña lucense como son o futuro das infraestruturas comarcais. Neste senso Barreiro deu a coñecer unha boa nova: Fomento desbloqueou os pagos pendentes polas expropiacións do tramo da Transcantábrica entre Mondoñedo e Lindín.

Segundo explicou Barreiro gran parte destes pagos estaban paralizados pola administración socialista anterior pese a que as actas de ocupación dos terreos databan, en moitos casos, do ano 2007, fecha na que os seus propietarios xa non puideron facer uso dos terreos. A realidade era que catro anos despois aínda se adebedaban o pago total das indemnizacións, feito que veu a corrixir agora Fomento en cumprimento dun compromiso da nova ministra, Ana Pastor, que ordenou o desbloqueo dos pagos pendentes nesta infraestrutura.

 

AMPLIACIÓN HOSPITAL DA COSTA

Finalmente, o presidente provincial do PP resaltou que o Goberno galego do Partido Popular está a dar os primeiros pasos para a ampliación do centro hospitalario mariñán que o pasado ano cumpriu o seu 25 aniversario de funcionamento. Segundo explicou Barreiro, Sanidade vén de confirmar que o Goberno galego está traballando na elaboración dun novo plan funcional do Hospital da Costa adaptado ás novas necesidades dos cidadáns da Mariña e ás innovacións médico-cirúrxicas acontecidas nos últimos anos, xa que o anterior plan, elaborado polo bipartito, non responde ás novas tendencias arquitectónicas.

Segundo explica Barreiro, este novo plan funcional presentarase antes de que remate o presente ano. E que, logo da presentación do plan funcional, a Xunta traballará no plan director e arquitectónico do hospital de Burela, dotándolle da consignación económica precisa nos orzamentos de 2013.