Santiago, 15 de xuño de 2012.- O voceiro de Vivenda do Grupo Popular, Jaime Castiñeira, manifestou hoxe na reunión da Comisión de Ordenación Territorial do Parlamento, que aprobou esta mañá o ditame do proxecto de Lei de Vivenda de Galicia, que esta norma “está pensada para as persoas, na situación actual de crise económica que estamos a vivir e nos problemas que teñen para poder facer fronte aos pagos dunha hipoteca ou ás cotas das vivendas protexidas”.
O voceiro popular indicou que esta lei amosa que “o importante son as persoas e se manifesta claramente beneficiosa para as mesmas na situación actual tendo en conta que a lei do 2008 é unha lei caducada que non se adaptaba a situación económica real que vivía Galicia e que non prevía o que estaba comezando”.
Así Jaime Castiñeira indicou que a lei inclúe “ medidas e posibilidades para que as persoas usuarias que teñen problemas económicos poidan reconverter os contratos de compravenda en contratos de aluguer, e presenta novidades como os novos tipos de clasificación de vivendas de protección oficial, en copropiedade, no que a propietario pode ter ata o 40 % e pode adquirir pasado o momento económico desfavorable o 100 %, en aluguer con opción de compra, concertadas ou de inserción”. O deputado popular engadiu que “ademais con esta clasificación clara se aumenta a seguridade xurídica”.
O voceiro de Vivenda popular destacou o apoio unánime a unha emenda do PPdeG ao respecto das licenzas para obras menores, para que se poidan dar instantaneamente no momento da solicitude. “Respectando a autonomía dos concellos é preferible que o esforzo que se dedica a obras menores se faga a posteriori comprobando que se adaptan ao proxecto presentado e proceder a axilidade na tramitación administrativa”.
“A lei está pensada para as persoas non para os promotores” indicou Jaime Castiñeira quen engadiu que as sancións pasan a ser proporcionais, en función do poder adquisitivo das persoas infratoras e diferenciando se son adquirentes ou promotores e tendo en conta o principio de proporcionalidade en función dos ingresos do infractor. Así mesmo “garántese o acceso á vivenda cun rexistro único de demandantes como liña de traballo no fomento e planificación da vivenda pública adaptado á realidade”.
“Regúlanse asimesmo os sistemas de calidade e conservación dirixidas á seguridade xurídica das persoas como a publicidade das vivendas en construción e o importe máximo, que non pode superar o 1 %, das reservas das mesmas” indicou o voceiro popular.
Jaime Castiñeira lamentou a abstención dos grupos da oposición na emenda popular referida a dación en pagamento “dirixido a paliar os obstáculos que dificultan a permanencia ou acceso a unha vivenda digna e adecuada a aqueles que por circunstancias sobrevidas teñen extraordinarias dificultades para facer fronte aos créditos hipotecarios que gravan a súa vivenda habitual , en concordancia co Real Decreto-lei 6/2012 do Goberno central”.