Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR APOIARÁ NO PRÓXIMO PLENO DO PARLAMENTO A PROPOSTA DE DITAME DA CONSELLERÍA DO MAR SOBRE ASPECTOS CLAVE PARA GALICIA ANTE A REFORMA DA POLÍTICA PESQUEIRA COMÚN

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2012.- Os deputados do Grupo Popular apoiarán no pleno que se celebrará a próxima semana a proposta de ditame da Consellería do Medio Rural e do Mar remitida  ao Parlamento en relación cos aspectos clave para Galicia ante a reforma da Política Pesqueira Común.Na proposición non de lei presentada polos populares e que se someterá a votación tamén se solicita dar traslado inmediato do acordo e o ditame ao Consello Galego de Pesca, para o seu análise e consideración á hora de emitir a opinión conxunta do sector marítimo-pesqueiro e acuícola galego, ao Goberno de España e ás Cortes Xerais así como a Comisión e o Parlamento Europeo.

O voceiro do Mar  do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, considera que a reforma da Política Pesqueira Común “é unha oportunidade excelente para avaliar e revisar os obxectivos e instrumentos desenvolvidos ata o de agora e buscar normas fórmulas especialmente acaídas para os intereses xerais de Galicia”. Así recorda que a nosa é a rexión europea na que a pesca, o marisqueo e a acuicultura adquiren maior importancia e, ao mesmo tempo, unha das comunidades máis dependentes destas actividades produtivas.

Desde Galicia, indicou o voceiro do Mar, é necesario observar con interese prioritario calquera acontecemento que afecte ou poida afectar a estes sectores económicos estratéxicos “polo que é necesario fixar unha posición común entre a Cámara e oGoberno nos eidos principais sobre os que se centra a reforma e facer unha proposta de país conxunta para a defensa dos nosos intereses pesqueiros”.

José Manuel Balseiro indicou que, de aprobarse a reforma que a Comisión Europea trasladou aos estados membros, “suporía dar carta de natureza a asuntos claramente lesivos para Galicia”. Deste xeito nomeou aspectos como a mantenza da estabilidade relativa, que discrimina inxustamente a Galicia, a determinación de aplicación de criterios técnicos coma o alcance do RMS en 2015 ou a consolidación do modelo de xestión do TAC e cotas, que non responde a un sistema eficaz de regulamento do estado dos recursos, de control sinxelo e de adecuación a novas propostas coma a de minorización e eliminación de descartes.

O voceiro do Mar indicou que o Grupo Popular defende o necesario equilibrio dos aspectos social, económico e de sustentabilidade ambiental, a flexibilización do obxectivo de Rendemento Máximo Sostible, a articulación de medidas de axuda e apoio nas políticas de minoración de descartes e a introdución das concesións de pesca transferibles. Así mesmo, segundo Balseiro, como alternativa á proposta comunitaria tamén “defendemos a derrogación da estabilidade relativa, unha política de adecuación dos niveis de flota, o reforzo do papel dos consellos consultivos rexionais, a mellora do fondo europeo de pesca e da estrutura de mercados pesqueiros e a identificación e recoñecemento das especificidades da flota costeira artesanal e do marisqueo galego”. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DO GRUPO PARLAMENTARIO POPULAR DE GALICIA.