Lugo, 9 de xuño de 2012.- A recentemente elixida nova Executiva provincial do PSOE cústalle a todos os lucenses máis de 400.000 euros ao ano. Así o denunciaron hoxe desde o Partido Popular tras revelar que dez membros da cúpula socialista provincial perciben soldos da Deputación de Lugo en moi diversos conceptos: como persoal de confianza, asesores, traballadores de libre designación -nomeados a dedo- ou na condición de cargos públicos remunerados.
Cada 365 días a Deputación provincial lucense se ve na obriga de detraer 70 millóns das antigas pesetas para soportar o proxecto personalista de Jose Ramón Gómez Besteiro que quixo converter ao ente provincial na axencia de colocación dos seus correlixionarios máis próximos. Unha inxente cantidade de diñeiro público que non pode destinarse a outros servizos moito máis urxentes e prioritarios e que procede na súa integridade do peto de todos os lucenses, que os pagan a través dos seus impostos.
CÚPULA SOCIALISTA A SOLDO DA DEPUTACIÓN
Da nova Executiva Provincial Socialista forman parte tres asesores directos da área de Goberno da Presidencia da Deputación da que é titular Gómez Besteiro: Juan Carlos González Santín que percibe un mínimo de 50.657,30 euros, Pablo Rivera Capón, e Alfonso Orol Castro con soldos de 34.527 euros ao ano respectivamente.
Tamén o actual secretario de Educación e Lingua da Executiva provincial socialista, Jose Carlos Ferreiro Otelo, percibe un salario mínimo de 37.800 euros ao ano, na súa condición de asesor en comisión de servizos como profesor.
A estes catro membros da cúpula do PSOE cuxo soldo pagan todos os lucenses deberíamos engadir os 50.391,04 euros que percibe Álvaro Santos Ramos, que ten recoñecida unha dedicación exclusiva ao servizo do grupo socialista.
Xunto a eles perciben soldo da Deputación de Lugo os actuais cargos públicos Juan José Díaz Valiño (50.391,04 euros), Jose Ramón Val Alonso (50.391,04 euros), Pilar García Porto (25.737,32 euros) aos que habería que sumar o salario mínimo que percibe Gómez Besteiro de 63.502,46 euros.
Tamén Javier Cerquero González comparte o privilexio de formar parte da cúpula socialista (neste caso da Comisión de Control Económico) e o luxo de percibir unha remuneración da Deputación por importe de 41.474,02 euros.
Os populares insisten que todos os datos proporcionados son públicos por canto aparecen reflectidos ou nos respectivos nomeamentos publicados no Boletín Oficial da Provincia ou na relación de postos de traballo e retribucións da Deputación Provincial. No caso específico de Jose Piñeiro Díaz, membro tamén da Executiva Socialista saben que traballa para o Gabinete de asesores do PSOE no ente provincial pero descoñece a contía e método polo que percibe a súa remuneración
UN CUSTE AÍNDA MOITO MAIOR
A cifra dos máis de 400.000 euros que a cúpula do PSOE custa a todos os lucenses podería ser moito maior se temos en conta que as remuneracións descritas hai que engadir outros pagos suplementarios en concepto de dietas e complementos, ou pola participación como membros de consellos de dirección de entes públicos dependentes da Deputación ou gastos de representación.
A esta elevada cantidade, lembran os populares, tamén habería que engadir un custe equivalente e proporcional, derivado de pagar cada mes ao persoal de confianza da outra parte do Goberno provincial, neste caso a que corresponde aos dirixentes nacionalistas, polo que o custe final podería ser disparatado, sobre todo nos tempos que corren que se fai máis necesario que nunca aplicar políticas de austeridade e responsabilidade orzamentaria.
Lonxe das boas intencións e dos anuncios propagandísticos que Gómez Besteiro fixo ao inicio da actual lexislatura na que se comprometeu a reducir o custe do persoal de confianza ao servizo do bigoberno provincial, o certo é que os datos amosan que a Deputación de Lugo segue a ser a axencia de colocación preferente dos dirixentes PSOE e dos correlixionarios de maior confianza do propio Gómez Besteiro, aos que habería que engadir prácticas similares por parte dos socios do PSOE no Executivo, os designados polo BNG.