Partido Popular de Lugo

Barreiro e López Abella apostan polo emprendemento femenino

Lugo, 25 de marzo de 2012. O Presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro e a Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentaron esta tarde en Lugo o orzamento destinado ao programa EMEGA para o 2012. Trátase dunha partida orzamentaria de 665.000 euros, que establece axudas estruturadas en catro tipoloxías: emprende, innova, activa e concilia. Esta última liña é a que  supón a principal novidade na convocatoria deste ano e está dirixida ás empresas nas que mediante acordos, convenios ou contratos de teletraballo, se implementen novos sistemas de organización que conleven flexibilidade no uso dos tempos e ás empresas perceptoras das liñas emprende, innova ou activa nas que haxa promotoras con fillos ou fillas menores de tres anos, ao obxecto de favorecer o exercicio profesional coa maternidade en idades temperás.

Barreiro e López Abella resaltaron a importancia do EMEGA, por ser un programa de estímulo ás mulleres emprendedoras, que apoia mediante a concesión dunha serie de axudas económicas para que se establezan como empresarias e consigan así, a súa propia promoción e contribúan á creación de postos de traballo.

“Nesta época de crise, queremos adecuar e mellorar o Plan Emega á realidade económica actual na que nos atopamos, axudar a que se creen e se manteñan empresas e o emprego feminino, polo que a cantidade destinada para este programa é de 665.000 euros, ampliando así os tipos de liñas de axuda para tentar achegar a un maior número de mulleres e empresas. ”- afirmaron.

As persoas interesadas dispoñen dun mes de prazo para presentar as súas solicitudes a esta convocatoria de axudas, cuxa contía oscila en función dos postos de traballo creados e a natureza das medidas adoptadas, ata sumar un tope de 30.000 euros por empresa beneficiaria.

Na convocatoria de 2011, o programa Emega fixo posible a posta en marcha de 82 novos proxectos empresariais liderados por mulleres, o que supuxo a creación de 100 postos de traballo (o 73% de contratos indefinidos). Un dato significativo é que as empresas creadas por mulleres perduran un 30 % máis que as creadas por homes e sobreviven mellor á crise.

O líder dos populares lucenses e a Secretaria Xeral de Igualdade manifestaron que Galicia atópase entre as cinco comunidades autónomas españolas con máis empresariado femenino ao mesmo tempo que manteñen de forma máis constante a actividade emprendedora na actual conxuntura de crise e lideran a creación de negocios de xeito que, no conxunto do país, mentres que os homes cotizantes ao Réxime de Traballadores Autónomos (RETA) descenderon nos últimos 5 anos en casi un 2,1%, as mulleres autónomas incrementáronse nun 7%.

Barreiro e López Abella resaltaron a importancia desenvolver políticas públicas que creen as condicións axeitadas e favorezan as iniciativas empresariais lideradas por mulleres.