Santiago, 22 de maio de 2012.- O portavoz de Cultura do Grupo Popular, Agustín Baamonde, acusou hoxe aos nacionalistas galegos de querer “apropiarse de todo en Galicia, como os símbolos, a lingua, a bandeira ou escritores como Rosalía ou Castelao, algo que é patrimonio de todos os galegos e non patrimonio exclusivo do nacionalismo”
Baamonde subliñou que desde o Partido Popular “respectamos as opinións discordantes e os que defenden a Galicia desde outra opción diferente, pero non imos aceptar leccións de moral sobre a lingua galega”. “Tamén queremos a Galicia, a lingua e a defendemos co máximo respecto a todos”, indicou.
RESPECTO A TODOS OS GALEGOS ILUSTRES
“O Partido Popular respecta a todos os galegos ilustres, a todos os que loitaron por unha Galicia mellor e que fixeron grande a nosa historia e a nosa cultura”, sinalou o portavoz popular.
Agustín Baamonde cualificou a moción presentada polo Grupo do BNG de “auténtico cabalo de Troia para introducir a política lingüística do anterior Goberno bipartito, pois pretende a derogación do decreto de plurilingüismo aprobado pola actual Xunta de Galicia”. “A aceptación desta proposta polo Grupo Popular sería un absurdo por coherencia e responsabilidade política, xa que se trata dunha medida que formaba parte do programa electoral do PP e nos non traizoamos a xente que nos vota”.
Así mesmo, Baamonde asegurou que “a apocalipse que os nacionalistas predicaban con este decreto non se produciu e estase aplicando de maneira pacífica en todos os ámbitos”.
Respecto á pretensión do BNG de que todas as materias educativas se volvan a impartir en galego, Agustín Baamonde dixo que “iso é volver ao decreto do bilingüismo aprobado en 2007, co que conseguiron romper o consenso que existía sobre a materia ata esa data ao substituír o sistema de equilibrio por outro desafortunado que provocou a reacción social contra esa medida”.
“Nós defendemos a nosa política lingüística, baseada na coincidencia coa realidade social de Galicia”, apuntou o portavoz popular, quen sinalou que a moción nacionalista “é un engano e parte da estratexia de impoñer e borrar o castelán da administración pública galega e de que o ensino sexa totalmente en galego”.