Santiago, 28 de marzo de 2012.- O Parlamento de Galicia vén de aprobar na mañá de hoxe a iniciativa promovida polo voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, na que se pide á Unión Europea un cambio no actual sistema de reparto das posibilidades de pesca entre a flota comunitaria, isto é, o coñecido como sistema de TAC´s (Totais Admisibles de Capturas) e cotas.
O voceiro do Mar dos populares galegos defendía que se reformulara o mecanismo coñecido como de estabilidade relativa a través do que se realiza un reparto automático das posibilidades de pesca por países, especies e zonas, ao entender que a práctica ten demostrado que é “discriminatorio para a nosa flota e dá lugar a cotas pesqueiras sempre insuficientes e, polo tanto, ao cese anticipado da actividade pesqueira”.
A Cámara galega fai seus os argumentos defendidos por Jose Manuel Balseiro e prospera un acordo parlamentario que consta de dous puntos: No primeiro deles pide á Xunta de Galicia que elabore un estudo xurídico e socio-económico en relación coa incidencia que no conxunto da flota pesqueira galega tería o mantemento do mecanismo de estabilidade relativa.
En segundo lugar, o Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a desenvolver “todas as medidas políticas, xurídicas e incluso xudicias” que estime axeitadas para conseguir a reformulación do actual mecanismo de reparto.
A reformulación do principio de estabilidade relativa e, polo tanto, o establecemento dun novo sistema de reparto das posibilidades de pesca nos caladoiros comunitarios une a administracións, partidos políticos e sector. Unha ampla maioría -cuxo parecer defende tamén a Consellería do Mar- é partidaria de que se substitúa o sistema actual por un modelo baseado no esforzo pesqueiro e no libre intercambio de posibilidades de pesca entre países e empresas da Unión Europea.
Tal e como explicou o voceiro popular do Mar esta petición se formula xusto no momento decisivo no que se debate a reforma da Política Pesqueira Común. A idea é lograr incluír na futura normativa comunitaria fórmulas máis acaídas para os intereses de Galicia.
OPOSICIÓN COTRADITORIA
Jose Manuel Balseiro quixo, finalmente salientar a incoherencia dos partidos da oposición. Mentres que no Parlamento de Galicia a iniciativa prosperou co voto favorable do PP e ningún voto en contra, na Deputación de Lugo, gobernada polas forzas do bipartito, rexeitaron este mesmo acordo. O comportamento contraditorio dá lugar a pensar que non existe nos partidos da oposición unha idea clara na defensa daquelas cuestións que máis interesan á flota galega ou, canto menos, que os representantes da Deputación lucense non estan pola labor de poñerse ao carón do sector pesqueiro galego.