Santiago, 26 de marzo de 2012.- O portavoz do Grupo Popular para os asuntos relacionados co Valedor do Pobo, Agustín Baamonde, salientou hoxe “o progresivo asentamento desta figura entre a sociedade galega, que se pon de manifesto no incremento, ano tras ano, dos expedientes que tramita en relación a queixas formuladas polos cidadáns”. Así mesmo, Baamonde subliñou “a boa colaboración prestada polas distintas administracións públicas, e máis en concreto a propia Xunta de Galicia, para atender as resolucións do Valedor”, así como “as valoracións positivas que realiza este órgano polo esforzo da administración autonómica en ámbitos como a educación, a prestación de servizos sociais ou o sistema de facturación de enerxía eléctrica”.
Agustín Baamonde destacou que “a figura do Valedor do Pobo está plenamente integrada na sociedade galega, que recoñece e valora o seu traballo que cada ano vai a máis”. Neste sentido, recordou que o Valedor do Pobo pasou de pouco máis de 1.300 expedientes tramitados no ano 2005 “á marca rexistrada este ano, con 2.947, motivado principalmente polo coñecemento que os galegos teñen desta figura e as facilidades de contacto co mesmo a través da rede internet, pero tamén pola crise económica que estamos a padecer e que coloca a moitos galegos en situacións complicadas para as que demandan resposta”.
CUMPRIMENTO DAS RECOMENDACIÓNS
“Pero a importancia e recoñecemento do Valedor do Pobo tamén se traduce no notable cumprimento por parte das administracións públicas das recomendacións, suxerencias ou recordatorios de dereitos legais que emite, con mínimas resistencias que para nada ensombrecen a comunicación fluída existente entre a figura do Valedor e as administracións”, sinalou o portavoz do Grupo Popular.
Agustín Baamonde salientou que o informe presentado hoxe polo Valedor do Pobo “vén recoñecer o traballo que está a desenvolver o actual Goberno galego en materias como a educación ou os servizos sociais, recoñecendo o esforzo se está realizando para avanzar na calidade do sistema educativo ou que a Xunta estea a conceder servizos sociais antes que prestacións económicas, atendendo unha reclamación feita polo propio Valedor en anteriores informes”.