Santiago, 19 de marzo de 2012.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, asegura que as medidas impulsadas pola Consellería do Medio Rural e do Mar contribuirán ao relanzamento da acuicultura na nosa comunidade e anima ao Goberno galego a continuar desenvolvendo os pasos para afianzar este sector.
“A crise non ten por que ser un obstáculo para o desenvolvemento acuícola de Galicia, mais ao contrario, temos unha oportunidade para aproveitar o potencial do que dispón a nosa terra, o noso litoral, e promover novas piscifactorías que contribúan a xerar actividade económica e máis oportunidades de emprego”- dixo Balseiro.
O parlamentario popular está convencido que tanto a Estratexia Galega de Acuicultura presentada pola Xunta de Galicia como o contido do Plan de Acuicultura do Litoral son dúas ferramentas básicas para que a nosa comunidade volva a ser un referente mundial nesta actividade. Neste mesma liña pide á Xunta de Galicia que dea continuidade á planificación da acuicultura nos ámbitos marítimos e marítimo-terrestres, alén de culminar a realizada para o litoral. Precisamente este mandato esta incluído nunha das propostas de resolución presentadas polo PP e aprobadas no último debate sobre o estado da Autonomía celebrado nas pasadas datas.
TEMPO PERDIDO
Jose Manuel Balseiro considera que o feito de que socialistas e nacionalistas estean a opoñerse ao plans do Goberno galego en materia de acuicultura non é máis que unha “escenificación teatral na que buscan ser moi belixerantes nas formas pero as súas críticas carecen de fundamentos, non teñen argumentos”. Se o PP consigue o desbloqueo da industria acuícola nesta lexislatura, como todo parece indicar, deixaría máis en evidencia que nunca que os catro anos de bipartito foron “tempo perdido” para o sector.
COMITÉ TÉCNICO DE ACUICULTURA
O compromiso do Goberno galego co impulso á acuicultura tivo un dos seus primeiros froitos na reorganización que o pasado mes de xullo levou a cabo a actual Consellería do Medio Rural e do Mar, ao integrar baixo un mesmo departamento (a Subdirección Xeral de Acuicultura) todos os instrumentos administrativos que debían operar neste ámbito, buscando con elo acadar a axilidade de tramitación necesaria para potenciar e dar prioridade á acuicultura.
Agora, Jose Manuel Balseiro, considera que é preciso repetir este paso, impulsando seccións específicas, destinadas a asesorar e informar -técnica, científica e administrativamente- sobre acuicultura, polo que considerou imprescindible poñer en marcha o Comité Técnico de Acuicultura que estará composto por expertos de reconocido prestixio e experiencia procedentes do sector acuícola e das suas entidades representativas e de asesoramento, así como das universidades galegas e organismos científicos relacionados coa acuicultura e que debería nacer co obxectivo fundamental de asesorar á Administración no deseño e aplicación de medidas vinculadas a este sector.