Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR SALIENTA A VALÍA DA CONSELLEIRA ROSA QUINTANA PARA ASUMIR AS RENDAS DA DEFENSA DE DOUS SECTORES ESTRATÉXICOS PARA GALICIA: O MEDIO RURAL E O MAR

Santiago, 14 de febreiro de 2012.- O deputado do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, xulgou como moi positiva a fusión dos departamentos autonómicos de Medio Rural e Mar baixo a dirección dunha persoa que xa amosou a súa valía como é a  conselleira Rosa Quintana e destacou que, fronte a unha oposición máis preocupada polas súas liortas internas, o Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo traballa para mellorar a eficacia da administración e para adelgazala de tal xeito que cada vez gaste menos en si mesmo e máis na verdadeira prioridade: o apoio aos galegos.

MÁIS O QUE LLES UNE

Na súa intervención no Pleno do Parlamento de Galicia, Balseiro salientou que entre as políticas do medio rural e de mar “é moito máis o que lles une que o que lles separa”: ambos son sectores primarios de importancia estratéxica para a economía e o emprego de Galicia, e ambos están moi influenciados polas decisións que se adoptan na Unión Europea. De feito, o parlamentario popular considera que a fusión permitirá unir sinerxias e esforzos de cara aos transcendentais debates que, sobre o futuro destes sectores terán  lugar en Bruxelas.

IDÉNTICA SITUACIÓN EN TODAS AS COMUNIDADES

Balseiro tamén explicou que a totalidade das comunidades autónomas marítimas en España, engloban nun só departamento ambas competencias -ao igual que o está a facer agora Galicia-, incluído os casos de Pais Vasco e Andalucía (gobernados polos socialistas) así como Cataluña e Canarias (gobernados polos nacionalistas). Neste senso pediu á oposición coherencia para non criticar en Galicia o mesmo que eles fan e defenden noutras comunidades. A maiores esta  fusión baixo unha  mesma dirección política das competencias no ámbito do medio rural e mar tamén  acontece no caso do Ministerio.

COOPERACIÓN ESIXENTE

Na súa intervención Balseiro tamén defendeu que o cambio de Goberno en Madrid suporá unha nova oportunidade para afianzar a colaboración en defensa destes sectores estratéxicos, tanto a nivel interno como nas institucións europeas e lamentou que co Executivo socialistas isto non fora posible, debido a claros exemplos de deslealdade institucional como o que se producíu cando a anterior ministra Rosa Aguilar preferiu ir acompañada de Estremadura, unha comunidade sen mar, para negociar en Europa  sobre cotas pesqueiras. O deputado popular considera que tanto Rosa Quintana como Miguel Árias Cañete son dúas persoas  coñecedoras das necesidades do sector e cunha gran capacidade negociadora, o que sen dúbida redundará en beneficio dos intereses de Galicia e reclamou -neste senso- á Conselleira avanzar na cooperación esixente.

 

 

COMPROMISO DE AUSTERIDADE E EFICACIA

 

 

Segundo Balseiro é a propia sociedade a que está a esixir un maior esforzo de austeridade por parte da administración e neste senso, destaca que o Goberno de Galicia -que xa era pioneiro neste ámbito- convértese agora, coa redución a oito do número de consellerías na comunidade histórica -aquelas que teñen un maior número de competencias- que máis adelgazamento fixo da súa administración (reducindo en altos cargos, en estrutura administrativa, persoal eventual, …) sen que por iso supoña nin a perda de ningunha competencia, nin unha merma na calidade da prestación do servizo.

 

 

Finalmente o deputado lamentou que cando se trata  de  falar do futuro de dous sectores tan importantes para Galicia como son os do medio  rural e do mar, as voceiras da oposición non tiveran aproveitado as súas intervencións para facer propostas construtivas  que desde o Grupo Parlamentario Popular estarían en boa disposición de escoitar.