Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR RESPALDA A ACTUACIÓN DA XUNTA RESPECTO AOS MATERIAIS ASFÁLTICOS DEPOSITADOS POLA EMPRESA MANMER, S.L. NO PORTO EXTERIOR DE FERROL E EN CABANAS

Santiago, 29 de decembro de 2011.- O voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular, Daniel Varela, respaldou hoxe no Parlamento galego a actuación desenvolvida pola Xunta de Galicia respecto aos materiais asfálticos depositados pola empresa Manmer, S.L. no porto exterior de Ferrol e no concello de Cabanas. “Este produto conta co aval da Comunidade Europea para ser comercializado, xa que dispón dun marcado CE que o homologa”, sinalou.

Daniel Varela recordou que a Xunta de Galicia aprobou unha resolución na que se recollían diversas esixencias á empresa propietaria do material asfáltico importado de Holanda para o seu depósito e posterior utilización, ao que seguiu un posterior requerimento para que estas medidas se cumpriran. “Na actualidade, e segundo as informacións publicadas nos xornais, a empresa está a cumprir estas condicións impostas pola Xunta”, recordou.

A XUNTA ACTUOU DESDE O PRIMEIRO MOMENTO.- “Queda claro que a Xunta de Galicia actuou desde o primeiro momento e continúa coas accións de control co obxectivo de evitar posibles problemas para a saúde e o medio ambiente”, salientou o voceiro do Grupo Popular.

De todos xeitos, Daniel Varela anotou que este material asfáltico conta cun marcado CE, “polo que entrou na nosa Comunidade autónoma cun aval da Unión Europea que homologa o produto para a súa comercialización con garantías”.

Por outra banda, en resposta a unha proposta dos socialistas galegos instando á Xunta á posta en marcha, de acordo cos concellos, dun programa urxente de redución do lixo en orixe, o voceiro do Grupo Popular recordou que “esta medida xa aparece incorporada no Plan de xestión dos residuos urbanos de Galicia 2010-2020, aprobado polo Goberno galego no presente ano, polo que carece de sentido redundar nunha cuestión xa prevista pola Administración galega”.