Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR ESPERA CONTAR CO APOIO UNÁNIME DAS FORZAS POLÍTICAS DO PARLAMENTO PARA PEDIR Á XUNTA O PLAN DE RECUPERACIÓN PRODUTIVA E DO EMPREGO NA MARIÑA

A Mariña lucense, 25 de decembro de 2011.- Os deputados Jose Manuel Balseiro Orol e Emma Álvarez esperan contar co apoio unánime das tres forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia de cara ao debate e votación da iniciativa urxente rexistrada polo Grupo Parlamentario Popular e na que se lle insta á Xunta de Galicia a poñer en marcha un plan de recuperación produtiva e do emprego na nosa comarca.

 

O PP explica que a sociedade mariñá reclama unidade nos distintos partidos políticos e non entendería que desde a oposición -PSOE e BNG- se siga unha postura demagóxica ou se intente aproveitar politicamente o sufrimento das familias afectadas polas crises laborais que están a ter lugar en varias empresas e que sufren dun xeito significativo os concellos de Mondoñedo e Lourenzá. En consecuencia fan un chamamento á responsabilidade de socialistas e nacionalistas e instanlles a sumarse a esta iniciativa construtiva e positiva para o futuro da nosa comarca.

 

Jose Manuel Balseiro quixo salientar de xeito expreso a importancia de que sexa o propio Partido Popular, a forza maioritaria da Cámara e a formación política que sustenta ao Goberno, o primeiro en promover no Parlamento esta iniciativa urxente que ten por obxecto dirixir un mandato á Xunta para que poña en marcha as decisións e mecanismos oportunos dirixidos á recuperación produtiva e á creación de novas oportunidades laborais na comarca da Mariña central e nomeadamente nos concellos de Mondoñedo e Lourenzá. Con todo insiste o deputado en sinalar a importancia de avalar o acordo coa unanimidade do Parlamento.

 

Será o vindeiro mércores día 28 a partir das 10.30h cando teña lugar no Parlamento de Galicia o debate e votación da iniciativa promovida polos deputados Jose Manuel Balseiro e Emma Álvarez. A mesma forma parte da orde do día da Comisión 5ª da Cámara galega, na que se abordan asuntos de Sanidade, Política Social e Emprego. A devandita iniciativa foi presentada tamén polo PP en diversas xuntanzas que mantivo cos traballadores das empresas afectadas pola crise laboral e obtivo unha boa acollida entre os mesmos.