Partido Popular de Lugo

A delegación do PPdeLugo no congreso nacional de Sevilla estará conformada por medio cento de persoas

Lugo, a 22 de decembro de 2011.- A xunta directiva provincial do  Partido Popular de Lugo celebrou esta tarde unha reunión ordinaria na que, entre outros asuntos, se deu conta do número de compromisarios que conformarán a delegación lucense no XVII congreso nacional que se celebrará en Sevilla entre o 17 e o 19 de vindeiro mes de febreiro.

En concreto, a delegación do PPdeLugo estará integrada por 49 persoas. Sete deses postos estarán reservados para os membros natos: os tres senadores e os tres deputados nacionais con que conta á formación tras as últimas eleccións nacionais, así como o presidente fundador Manuel Fraga, quen mantén a súa afiliación na provincia de Lugo.

Os 42 membros restantes, dos que un corresponderá a Novas Xeracións, distribuiranse por concellos, en función do número de afiliados e da porcentaxe de voto acadada nos últimos comicios xerais. No encontro, ó que asistiu o presidente do PPdeG Alberto Núñez Feijoo, o presidente provincial José Manuel Barreiro tamén deu conta dos resultados electorais do pasado 20-N. 

Neste senso Barreiro reiterou que os “excelentes” resultados acadados, “que confirman a tendencia a alza experimentada polo PPdeLugo nas recentes citas electorais”, son froito do “compromiso e do traballo tenaz” realizado “por todos”. A este respecto fixo especial mención á “entrega” amosada polos afiliados, recalcando que “son o motor que fixo posible estes resultados”. 

O presidente provincial tamén instou a todos os cargos electos e orgánicos da formación a “aplicarse a fondo para estar á altura das circunstancias e non defraudar as expectativas postas en nós pola cidadanía”.