Santiago, 21 de decembro de 2011.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, valorou positivamente o traballo desenvolvido polo equipo da Consellería do Mar, que lidera Rosa Quintana, nas negociacións que tiveron lugar na pasada fin de semana e nas que se determinaron os TACs (totales admisibles de capturas) e cotas pesqueiras nos caladoiros da Unión Europea para 2012.
O deputado popular amosouse satisfeito coa tarefa desenvolvida en Bruxelas polo Goberno galego xa que se suavizaron significativamente as previsións iniciais da Comisión Europea que propoñían importantes recortes nas posibilidades de captura das principais especies pesqueiras. Os resultados finais foron cualificados como “aceptables” -segundo indicou Balserio Orol- tras acadarse aspectos “claramente positivos” para varias especies de grande interese comercial para a flota galega como é o caso do lirio, rape, rapante, bacallao de Noruega ou da pescada do sur.
O MINISTERIO A REMOLQUE.- Segundo Jose Manuel Balseiro as melloras nas posibilidades de pesca dalgunhas especies “teñen o selo de identidade de Galicia” feito que exemplificou co acontecido no caso do lirio. O espectacular aumento na posibilidades de pesca deste especie (dun 500% para o lirio do norte e dun 800% para o do sur) foi posible grazas a fundamentar a petición de aumento de cota no informe socioeconómico que a Xunta de Galicia encargou a Universide de Santiago de Compostela e no que se avaliaba o impacto na flota da drástica redución de cota desta especie decidida por Bruxelas na presente anualidade: 2011.
O voceiro do mar dos populares galegos sinalou que “non sería xusto deixar de recoñecer que en moito do positivo conseguido foi decisivo o papel da Consellería do Mar e que tamén o será no moito que queda por conseguir”. Nesta liña defendeu a estratexia marcada polo departamento que dirixe Rosa Quintana e na que se aposta por unir esforzos co sector para mellorar as posibilidades de pesca daquelas especies máis deficitarias como é o caso da pescada do norte.
CAMBIO DE MODELO NA PPC.- Por outra banda, Balserio sinalou que o Grupo Popular considera que o debate sobre totais admisibles de capturas e cotas pesqueiras “debe desaparecer, xa que está obsoleto e non serviu para o seu cometido”, e terá que ser substituído por un novo modelo de xestión que se basee no esforzo pesqueiro, e por considerar dun xeito equilibrado os aspectos ambientais, económicos e sociais no proceso de toma de decisións. Ambos aspectos que tamén defende a Consellería do Mar no ámbito da reforma da política pesqueira común (PPC).
Para concluír o voceiro popular do Mar lembrou que contra o que algúns afirman os primeiros interesados nunha explotación equilibrada e sostible dos caladoiros son os propios profesionais do mar “nelo vai o seu futuro” e insistiu en que Europa debe ser “un marco de oportunidades para o noso sector pesqueiro e non de ameazas”.