Partido Popular de Lugo

ALVAREZ CHAO: “DOS 315 CONCELLOS GALEGOS 238 TERÁN SUPERFICIE INCLUÍDA EN REDE NATURA 2000 CONTRIBUÍNDO ASÍ AOS OBXECTIVOS MEDIOAMBIENTAIS DA UE PROTEXENDO AS ESPECIES E HÁBITATS GALEGOS EN PERIGO”

Santiago de Compostela, 21 de decembro  de 2011.-  A voceira de Montes do PPdeG, Emma Álvarez Chao, indicou hoxe no pleno do Parlamento que dos 315 concellos galegos 238 terán superficie incluída en Rede Natura 2000, contribuíndo así aos obxectivos da política medioambiental da Unión Europea, protexendo as especies e os hábitat galegos en perigo.

 

 A voceira popular fixo estas declaracións na súa intervención na comparecencia do Conselleiro de Medio Rural  para explicar a proposta de ampliación da Rede Natura en Galicia. Álvarez Chao  indicou que a ampliación supón a creación de 21 novos Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) ao longo das catro provincias galegas e a ampliación  da superficie de 28 dos existentes “mellorando a representatividade de determinados tipos de hábitats, algúns deles clasificados como prioritarios”.

Con esta ampliación da rede coordinada de áreas protexidas máis grande do mundo “se está dando cumprimento a un mandato comunitario que xurde a raíz das deficiencias detectadas no ano 2004 por parte da Unión Europea, e se contribúe a dar o pulo definitivo as políticas encamiñadas ó mantemento da biodiversidade no ámbito europeo” segundo a deputada popular. Para Álvarez Chao a conservación da biodiversidade é un eixo prioritario para o Grupo Popular e para o  Goberno da Xunta “e así antes de que remate o 2012 se cumpre coa presentación da proposta de ampliación dentro do prazo establecido e partindo de cero xa que na lexislatura anterior o antigo Conselleiro de Medio Ambiente, hoxe secretario xeral eventual dos socialistas galegos, responsable dos espazos naturais, neste senso, deixou os deberes sen facer”.

A voceira popular cualificou a proposta da Xunta como “realista, contextualizada no territorio, equilibrada e susceptible de ser aprobada pola UE xa que está baseada nos criterios de protección establecidos e as insuficiencias sinaladas no seo da Comisión europea”. Alvarez Chao cualificou de  “contradictoria a postura da oposición que por un lado din que non coñecen a proposta e, por outro, que é unha proposta insuficiente”.