Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2011.- O votos do Grupo Popular propiciaron un acordo no Parlamento de Galicia sobre o cumprimento dos compromisos da Xunta de Galicia co Consorcio de Santiago. O voceiro de Cultura do PPdeG, Agustín Baamonde, indicou que o seu Grupo “facilitou o consenso á iniciativa socialista en aras de manifestar o compromiso claro de colaboración de todos para buscar unha solución ao ente e os seus problemas financeiros”.
Agustín Baamonde indicou que se trata “dun ente exemplar polo que ten de colaboración institucional entre a administración local, autonómica e central por riba de localismos e parcialidades nas súas actuacións”. Así mesmo coincidiu no seu “impacto positivo no que representa para a cidade de Santiago, capital de Galicia, punto de referencia da cristiandade e do Camiño de Santiago polo que beneficia a todos os milleiros de persoas que entran na cidade”.
O voceiro popular achacou os problemas de financiación do Consorcio “non a cuestións políticas senón da crise que estamos a vivir e que afectan a todas as administracións”. Indicou que se ben é certo que xurdiron problemas coa aportación da Xunta no ano 2010 “a Administración autonómica se comprometeu a aportar o 1.427.000 euros nos próximos anos 2012,2013 e 2014”. “E como consecuencia do plan de austeridade e de reequilibrio do Consorcio a Xunta aportará 11.927.000 euros nos próximos anos” indicou Agustín Baamonde.
O deputado popular recorda que os problemas de financiamento xa empezaron cando o Concello de Santiago deixou pendente a aportación de 455.000 euros no ano 2009, 1.652.000 no ano 2010 e no ano 2011 non consignou nada no orzamento.