Santiago, 8 de decembro de 2011.- O Parlamento galego aprobou unha proposición non de lei presentada polo Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a desenvolver un plan que impulse o desenvolvemento sostible das áreas de influencia dos parques naturais galegos, ao tempo que se incite á participación dos axentes públicos e privados para optimizar a posta en valor das áreas de influencia destes parques naturais e favorecer a xeración de máis riqueza e emprego nestas áreas.
A voceira de Conservación da Natureza do Grupo Parlamentario Popular, Emma Álvarez, recordou que Galicia conta na actualidade con seis parques naturais (Monte Aloia, complexo dunar de Corrubedo, monte Invernadeiro, Fragas do Eume, Baixa Limia-Serra do Xurés e Serra de Enciña da Lastra), ademais do recentemente declarado Parque Nacional das Illas Atlánticas. Entre todos suman unha superficie superior ás 50.000 hectáreas.
POTENCIAR AS OPORTUNIDADES DE NEGOCIO.- “Estes espazos protexidos constitúen territorios de indubidable valor, que contribúen de xeito esencial á protección do patrimonio natural de Galicia”, sinalou Emma Álvarez. Sen embargo, apuntou que “a conservación da natureza ten que ir parella ao desenvolvemento dos territorios, nos que os habitantes demandan bens e servizos e se fai preciso harmonizar de xeito integrado ambos obxectivos”.
Neste sentido, a voceira do Grupo Popular apuntou que “o incremento de visitantes define un escenario propicio para o consumo de servizos ambientais, de ocio ou de ecoturismo”. “É necesario articular accións integradas que teñan como finalidade potenciar as oportunidades de negocio no ámbito dos espazos protexidos, coa finalidade de desencadenar o interese social e empresarial de cara a poñer en valor produtos e servizos do interese dos usuarios e visitantes, de xeito que os beneficios repercutan directamente sobre os habitantes”, manifestou.
ACTUAR COORDINADAMENTE.- Máis en concreto, Emma Álvarez considerou “razoable actuar coordinadamente nestes territorios, en especial nos de montaña, xa que sofren un declive poboacional importante, e poñer en valor este importante patrimonio natural, facendo un modelo de desenvolvemento sostible creando actividades innovadoras en harmonía cos valores naturais”.
Para rematar, a voceira do Grupo Popular avogou pola elaboración “dun documento de planificación que recolla un conxunto de propostas e recomendacións estratéxicas para a optimización dos posibles usos e aproveitamentos socioeconómicos que se desenvolvan nos parques naturais de Galicia e nas súas áreas de influencia, de xeito que se contribúa a aumentar o valor do patrimonio natural e ofrecer novas oportunidades para mellorar a calidade de vida dos seus habitantes”.