Partido Popular de Lugo

Os populares destacan o papel das asociacións e a familia na integración social das persoas con discapacidade

Lugo, 2 de decembro de 2011.- A Comisión Provincial de Asuntos Sociais do Partido Popular de Lugo, presidida por José Manuel Barreiro,  reuniuse esta mañá co gallo de presentar iniciativas encamiñadas á promoción da integración social e, nese marco, presentou un manifesto con motivo do día internacional das persoas con discapacidade.

Neste documento a Comisión Provincial de Asuntos Sociais quere facer constar “o noso firme compromiso e o noso apoio, nestes momentos de dificultades económicas, ás persoas con  discapacidade así como ás súas familias, unha peza fundamental para o seu desenvolvemento”.

No Manifesto destácase que “a difícil situación económica actual repercute máis directamente sobre estes colectivos” .

Por elo, dende o Partido Popular,  “consideramos imprescindible que se segan garantindo os recursos e servizos esenciais, e para conseguilo demandamos o máximo esforzo das administracións local, provincial, autonómica e estatal de cara a conquerir a total integración destas persoas que, queren poden e son realmente útiles á sociedade”.

Precisamente, nestes difíciles momentos, é preciso dar un maior apoio aos discapacitados así como as entidades que traballan en prol da súa integración e promoción social. É fundamental que o conxunto da sociedade se implique en estreita coordinación coas asociacións para poder acadar  con éxito os retos que cada día se nos presentan. 

Dende a Comisión Provincial de Servizos Sociais, que preside José Manuel Barreiro, queremos resaltar a labor das asociacións de discapacitados e doutras de voluntariado que co seu esforzo, e  solidariedade, favorecen a  integración das persoas con discapacidade. O Partido Popular quere poñer de manifesto unha vez máis a súa disposición a colaborar e apoiar calquera iniciativa que poda axudar a mellorar a calidade de vida destas persoas.