Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR ANUNCIA QUE A CONSELLERÍA DE CULTURA RECOLOCARÁ DE INMEDIATO OS RETÁBULOS DE SAN BIEITO E DO CRISTO NA IGREXA DE SAN VICENTE DO PINO DE MONFORTE

Santiago, 30 de novembro de 2011.- O voceiro de Cultura do Grupo Popular, Agustín Baamonde, anunciou hoxe no Parlamento galego que a Consellería de Cultura procederá “dun xeito inmediato á recolocación dos retábulos de San Bieito e do Cristo na igrexa de San Vicente do Pino de Monforte de Lemos, unha vez se levou adiante unha primeira fase da rehabilitación deste edificio”.

Agustín Baamonde cualificou a igrexa de San Vicente do Pino de Monforte como “unha xoia do gótico tardío, que conta cun extraordinario valor arquitectónico e cultural-artístico dentro da Comunidade galega”.

“O paso do tempo supuxo un deterioro deste templo, o que motivou que a Consellería de Cultura procedera a levar adiante unha primeira fase de traballos de rehabilitación, aínda que entendemos que será necesaria unha posterior recuperación integral de rehabilitación arquitectonica, tanto interior como exterior, deste inmoble histórico”, sinalou o voceiro do Grupo Popular.

A realización destes traballos na igrexa de San Vicente do Pino en Monforte motivou a retirada dos retábulos de San Bieito e do Cristo para a súa restauración, “unhas obras que a Consellería de Cultura procederá á súa recolocación dun xeito inmediato e no prazo máis corto de tempo posible”.