Partido Popular de Lugo

Barreiro criticou que as contas provinciais en vez de apostar polos sectores estratéxicos da provincia se deseñen pensando únicamente no reparto de influencia do PSOE e do BNG

Lugo, 30 de novembro de 2011.- O Grupo Provincial do Partido popular votou onte, no Pleno da Institución provincial, en contra do proxecto de Orzamentos da Deputación para o 2012.

O portavoz do GPPP, José Manuel Barreiro, afirmou, en primeiro lugar que a estructura de gasto dos orzamentos da Deputación non foi a adecuada dende que goberna o bipartito porque primou o gasto non productivo (gastos de persoal, bens correntes, gastos financeiros e transferencias correntes) sobre o productivo (inversións reais e transferencias de capital).

Así a Deputación dispuxo nestes últimos catro anos de 530 millóns de euros dos que  a meirande parte (case 280 millóns) foron gasto non productivo fronte ós 217 millóns de gasto productivo. Este ano o orzamento segue por esa liña con 54 e 31,8 millóns respectivamente.

Tamén criticou a falta de credibilidade dos orzamentos pola ineficiencia do goberno da Deputación á hora de executalos. Nos últimos tres anos a Deputación non foi capaz de executar de media nin a metade dos gastos orzamentados, segundo demostran os datos de liquidación de orzamentos da propia institución provincial.

Barreiro tamén afirmou que nos orzamentos de 2012 se reducen as transferencias correntes (-12,61%) e as transferencias de capital (-12,08%) e, dentro dos investimentos reais (se excluímos as dúas grandes partidas financiadas cos fondos da unión Europea que son as únicas que medran) os investimentos baixan 4,4 millóns con relación ó ano pasado.

Outro elemento de critica foi a baixada que sufren as transferencias correntes (-54,96%) e as transferencias de capital (-10,40%) ós Concellos, nun momento no que estes están a pasar por unha grave asfixia económica, así como o incremento de case o 50% que experimenta a partida de Gastos Diversos (adicada básicamente a publicidade e propaganda) que ascende a 5,12 millóns de euros. Barreiro calificou a esta partida de escurantista pola dificultade que presenta controlar e fiscalizar este tipo de gasto. 

Barreiro dixo asemesmo que estes orzamentos non apoian ós sectores estratéxicos da provincia senón que están deseñados pensando no reparto de influencia entre os dous grupos políticos do goberno. O  voceiro popular puxo como exemplo que, mentres que a partida adicada a Promoción do Deporte (parcela que xestiona o BNG) supera ós catro millóns de euros sen embargo as accións encamiñadas á promoción da industria e do comercio (uns 2,4 millóns), o turismo (1,32 millóns) ou a agricultura e gandeiría (2,7 millóns) nin se lle achegan.