Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR AFIRMA QUE MÁIS DE 32.000 GANDEIROS GALEGOS XA RECIBIRON 47,5 MILLÓNS DE EUROS EN CONCEPTO DO ANTICIPO DO 50 POR CENTO DO PAGO ÚNICO

Santiago, 29 de novembro de 2011.- A voceira do Medio Rural do Grupo Parlamentario Popular, Isabel García Pacín, informou hoxe que máis de 32.000 gandeiros galegos xa recibiron 47,5 millóns de euros en concepto de anticipo do 50 por cento do pago único “e está previsto que antes de que remate o presente ano a Consellería achegue esta porcentaxe ao 90 por cento”. Neste sentido, lamentou que o anterior Goberno bipartito “estirara estes pagamentos incluso ata xuño ou xullo do ano seguinte á solicitude, unha mostra máis da mala xestión que padecían os nosos gandeiros”.

García Pacín criticou esta mañá no Parlamento galego “a incoherencia das demandas formuladas polos socialistas, porque, por unha banda, están a pedir que se paguen con urxencia as axudas aos gandeiros galegos e, por outro lado, demandan que se amplíen os prazos de solicitude, sobre todo aos demandantes de plans de mellora e que están afectados pola obtención de licenzas de obra municipais”. “A Xunta de Galicia pode ser eficiente, pero a coherencia nas súas demandas debe, cando menos, ser igual de rigorosa”, sinalou.

PRIORIDADE Á MOBILIDADE DE TERRAS.- A voceira do Grupo Popular reiterou, ademais, que a Consellería do Medio Rural “considera prioritario implementar medidas efectivas para favorecer a mobilidade de terras e a ampliación da base forraxeira das explotacións”. Así, subliñou as melloras introducidas na lexislación para facilitar o acceso ao Banco de Terras permite dispor “dunha ferramenta útil e eficaz para acceder á produtividade potencial dos predios infrautilizados”.

“Este apoio ten a súa tradución nos orzamentos que se están tramitando na actualidade, onde se incrementa o programa adicado á mobilidade de terras agrarias improdutivas nun 136 por cento, pasando de 2,1 a 5,1 millóns de euros”, concretou.

Por último, García Pacín amosou o convencemento do Grupo Popular en que “os titulares de explotacións prefiren acadar prezos de referencia axeitados nas producións que fagan rendible o seu traballo e non vivir de subvencións”, poñen como exemplo medidas postas en marcha como a proposta lexislativa sobre o contrato homologado no sector lácteo que o Grupo Socialista no Congreso rexeitou co seu voto en contra.