Partido Popular de Lugo

Lugo é a cuarta provincia de España na que o PP obtén un maior crecemento

Lugo, a 22 de novembro de 2011.- “Somos conscientes da importante responsabilidade que asumimos tras ser depositarios da confianza maioritaria dos lucenses. Traballaremos a reo para cumprir as expectativa postas en nós”, asegurou hoxe o presidente provincial do Partido Popular durante unha comparecencia ante os medios de comunicación para efectuar unha análise pormenorizada dos resultados acadados polo seu partido nas eleccións xerais.

José Manuel Barreiro agradeceu “a todos e cada un” dos 120.218 lucenses que votaron ó Partido Popular o pasado domingo e asegurou que “a defensa dos intereses desta provincia e de todos os seus cidadáns, votaran ou non ó PP, será o noso compromiso”. Tamén tivo palabras de “recoñecemento” para todos os afiliados, simpatizantes, interventores, apoderados e cargos electos que “colaboraron, coa mesma xenerosidade e adicación de sempre, a que esta provincia sexa hoxe máis azul que nunca”.

Neste senso, calificou de “históricos” os resultados acadados o pasado 20-N, posto que foron os segundos mellores da formación en convocatorias nacionais. Supoñen incrementar en case 12 puntos os resultados de 2008 (é, de feito, a provincia galega que experimentou o  maior aumento e a cuarta de España incluíndo a Melilla) e distanciarse en case 30 puntos do PSOE. A diferencia é tan “inmensa”, dixo, que o PP sácalle a PSOE e BNG xuntos preto de 40.000 votos.

Barreiro, quen anunciou que a xunta directiva provincial reunirase o vindeiro xoves para facer balance dos comicios, indicou que Lugo mellora en case catro puntos a media procentual galega, que, á súa vez, supera en preto de oito puntos a media estatal. A provincia de Lugo colócase así, co 56,1% dos votos emitidos, como a segunda de Galicia que obtén mellores resultados (a 0,55 puntos de Ourense); e a undécima de todo Estado e a sexto mellor resultado entre as provincias con máis de 300.000 habitantes.

Por concellos, o presidente provincial dos populares, tras salientar que o PP gañou en  65 dos 67 (“en 61 deles con máis do 50 por cento dos votos”), destacou os “importantes incrementos” que, con respecto a 2008, experimentaron na meirande parte deles, incluidos os dous nos que non é forza maioritaria, Negueira e Pedrafita, e que supoñen o 18,82 e 11,22 por cento respectivamente. Destacou que o resultado de Lugo capital fora “o mellor das sete grandes cidades de Galicia”.

EXTRAPOLACIÓNS.- Para José Manuel Barreiro os resultados do 20-N “confirman” a tendencia á alza que o PPdeLugo vén experimentando nos últimos comicios e que “xa quedaron patentes” nas municipais. 

Segundo explicou, cos resultados das eleccións xerais “non sería suficiente o matrimonio de conveniencia para privarnos de gobernar a Deputación, nin sequera o Concello de Lugo”. Así, cos datos do 20-N, o PP acadaría 18 deputados provinciais; subiría, de feito, un deputado por cada circunscripción. 

SENADO.- José Manuel Barreiro tamén agradeceu “a titulo persoal” o amplio respaldo logrado como senador, que o levou a converterse no segundo máis votado de Galicia e que supoñen incrementar en máis de 7.000 votos os acadados en 2008.

CORTES DE VOZ NA SECCIÓN SONS