Luns, 21 de Novembro de 2011.- O voceiro popular valorou esta mañá os resultados electorais obtidos polo Partido Popular no Concello de Lugo nas eleccións xerais de onte e, apelando ao símil empregado polo alcalde, concluíu que «o tsunami popular volveu levarse por diante a Orozco». Deste xeito, Lugo volveu ser a cidade galega con maior apoio á candidatura popular, igual que xa ocorrera nas eleccións municipais. Concretamente, a única urbe galega na que o PP superou o 50% dos votos (cun 50,21% dos apoios) foi Lugo.
Esta porcentaxe, «a todas luces histórica», tradúcese nun incremento de 1.971 votos respecto aos mellores resultados colleitados en 2000. En números absolutos, os populares recibiron 28.042 apoios fronte aos 26.071 de fai once anos. Así as cousas, o PP sitúase a 18 puntos de diferenza dun PSOE que no Concello de Lugo cae máis de 11 puntos, un retroceso que tamén sofre o BNG ao diminuír en 1.500 os seus votos. «Nin José Blanco nin López Orozco puideron co traballo continuado efectuado barrio a barrio e parroquia a parroquia polos populares», salientou Castiñeira.
O tamén presidente da Xunta Local do PP destacou que os populares gañaron no 98% das mesas electorais, ao superar ao PSOE en todas, agás nunha que perderon por dous votos e noutra na que empataron cos socialistas. A xuízo do popular, os resultados de onte «indícannos que traballamos ben e que hai que seguir nesta liña» e poñen de manifesto que «nin os insultos nin as insidias funcionan como arma electoral». Por último, tamén se amosou «seguro» de que «unha parte dos votos obtidos polo PP obedecen a un castigo dos electores a PSOE e BNG, que ven cómo diminúen os seus apoios», posto que «os lucenses queren que se respecten as súas decisións nas urnas e non que se reinterpreten en pactos de hoteis».