Partido Popular de Lugo

BALSEIRO ASEGURA QUE A MALA XESTIÓN DO BIPARTITO PROVINCIAL LUCENSE LEVA A RUBALCABA A QUERER DEIXAR SEN TRABALLO A GÓMEZ BESTEIRO

Santiago, 10 de novembro de 2011.- O deputado lucense do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, recoñeceu e admitiu a “dificultade” que ten o presidente da Deputación de Lugo, Jose Ramón Gómez Besteiro, á hora de defender un proxecto -a continuidade do organismo provincial- “no que nin tan sequera cre o seu partido”. Balseiro asegurou que, con toda probabilidade, a mala experiencia e a errada xestión do bipartito provincial lucense influíu decisivamente en que o candidato do PSOE á presidencia do Goberno central, Alfredo Perez Rubalcaba, quera suprimir as deputacións e “deixar sen traballo” tanto ao propio Gómez Besteiro como ao resto do seu equipo de goberno.

GASTO DESPROPORCIONADO DO GOBERNO PROVINCIAL.- Jose Manuel Balseiro replicou ao Presidente da Deputación de Lugo quen comparecía hoxe no Parlamento para dar conta do orzamento deste organismo no 2012. O deputado popular alertou que as contas provinciais para o ano próximo seguen a incluír un “gasto desproporcinado” en soldos e salarios “en beneficio do Goberno provincial, dos seus asesores e do seu equipo de propaganda particular”, todo iso pese a que os concellos advirten de que a Deputación lucense “está máis ausente que nunca”. Balseiro significou que pese a “pequena redución” deste custe na presente lexislatura a Deputación de Lugo ten a dubidosa honra de gastar máis na estrutura de Goberno e en gastos non produtivos “que en apoios aos concellos lucenses ou en dinamizar a economía da provincia”.

POUCA EXECUCIÓN E ELEVADO ENDEBEDAMENTO.- O deputado popular tamén amosou a súa preocupación polo elevado nivel de endebedamento da Deputación de Lugo pois “ademais de gastar moito, gastaron mal e, para colmo, máis do que tiñan”. A este respecto o deputado popular lembrou que o ente provincial lucense na pasada lexislatura “multipliocu por dez a súa débeda”. Balseiro emprazou “a poñer freo a esta situación que atisba o caos” aplicando principios como os de austeridade, redución do gasto supérfluo e transparencia “que parecen non van co bipartito”. 

Lamentou tamén o baixo nivel de exeución “que non chegou ao 50% como media e que evidenciou que PSOE e BNG non foi quen de executar os seus propios orzamentos”.

AUSENCIA DE APOIO A CONCELLOS E SECTORES PRODUTIVOS.- Os populares botaron en falla nos orzamentos provinciais para 2012 unha maior colaboración con outras administracións e un maior apoio aos sector produtivos da provincia. Nesa liña Balseiro preguntouse “cómo é posible que a entidade renuncie a ser o motor que respalde a iniciativa emprendedora e que empurre aos sectores produtivos, ou que desde a Deputación desistan en converterse nun gran concello de concellos, capaz de apoiar os servizos das entidades máis pequenas e do rural”.  

REINTEGRO DE LIQUIDACIÓNS NEGATIVAS.- Con gran dificultade poderá acometer estes e outros obxectivos se o Goberno socialista central persiste na súa intención de  promover “iniciativas de afogo que chegan no peor momento posible” como pode ser a obriga de devolver as liquidacións negativas que Balseiro datou en 18 millóns de euros para o conxunto dos concellos lucenses e en case 30 millóns máis tan só o organismo provincial. “É imposible que se cumpra este papel se non hai fondos suficientes para facelo” e, a Deputación de Lugo “é moi dado a publicitar proxectos que despois non é quen de financiar” e, nesta liña exemplificou co que está a acontecer coas residencias para persoas maiores ou o centro de recría.

CONFRONTACIÓN COA XUNTA.- Finalmente Balseiro lamentou que Gómez Besteiro e o seu equipo teñan convertido a Deputación lucense nun “chinriguito particular, dos poucos que lle quedan ao bipartito” para confrontarse coa Xunta. Lembroulle que esta tarefa correspóndelle aos grupos parlamentarios na oposición “ainda coas enormes carencias nas que incorren” e non o organismo provincial.

Balseiro emprazou ao Presidente a abordar “de boa fe e lealmente coa Xunta” os proxectos de interese que entran dentro das competencias autonómicas. “Non vale prometer residencias que carecían do necesario respaldo orzamentario e que se planificaron sen tan sequera contar coa Consellería de Traballo e Benestar, e non vale poñer en marcha proxectos electoralistas como o Lugo Emprega, que xeraron postos de traballo en precario antes das eleccións municipais pero que agora non teñen previsto ampliar”.