Partido Popular de Lugo

Daniel Vega: “Hai que pasar dun país de despilfarro a un país de xestión”

Vegadeo  5-11-2011.– “Hai que pasar dun país de despilfarro a un país de xestión”. Esta foi a afirmación vertida esta mañá polo presidente provincial de Novas Xeracións de Lugo, Daniel Vega, durante o acto que a agrupación política dos mozos galegos e asturianos vinculada aos populares celebraron en Vegadeo. A xornada, baixo o lema, “Lo que los jóvenes necesitan”, permitiu que os mozos das dúas comunidades autónomas compartisen as problemáticas que están a afectar aos máis novos e lles procurasen alternativas.

Vega asegurou que a mellora pasa pola creación de emprego “axudando as Pemes e aos sectores produtivos de maior relevancia”. O popular falou de entendemento, diálogo e saber facer en “detrimento das políticas superfluas do goberno socialista”. Segundo Vega o PP soubo demostrar que sabe xestionar un país e “apostou polos xóvenes e polas persoas, non polas cifras”.

É a segunda vez que a agrupación política de Galicia e de Asturias organizan un acto comunitario, xa que fai un ano celebraran tamén unha mesa redonda conxunta en Ribadeo. Nesta ocasión, a xornada reuniu en Vegadeo a alcaldesa da localidade, María Begoña Calleja Quijada e ao alcalde de Trabada, José Manuel Yanes Ginzo, encargados de inaugurar o acto. Trala proxección dun vídeo baixo o titular de “Súmate ao cambio”, a mesa redonda xirou entorno ao emprego. Nela participaron, os cabezas de lista ao Congreso por Asturias e Galicia, Mercedes Fernández e Joaquín García Díez, respectivamente. Tamén interviron o candidato número tres ao Senado por Asturias, Mario Arias, e o candidato número seis ao Congreso por Lugo, Daniel Vega. A mesa redonda estivo moderada por Álvaro Queipo Somoano e centrouse na situación laboral, nos sectores predominantes nas dúas comunidades autónomas, na educación e na reforma da Administración.

Trala proxección dun vídeo representativo do común de Galicia e de Asturias, o secretario xeral de NNXX de Galicia, Juan Francisco López Prieto, e a súa homónima en Asturias, Reyes Hurlé, expuxeron o decálogo de pretensións de Novas Xeracións.

O acto estivo clausurado polos presidentes de NN.XX. en Asturias e Galicia, Pablo Álvarez-Pire e Javier Dorado, que fixeron fincapé na unión de intereses entre as dúas comunidades autónomas e falaron de “confianza, esperanza e bo facer”.

Ao acto tamén asistiron, entre outros, o Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez e o deputado autonómico, José Manuel Balseiro. A xornada rematou cun xantar, nesta ocasión na comunidade galega, en Trabada.