Partido Popular de Lugo

BALSEIRO SINALA COMO “TAREFA PRIORITARIA” DO GOBERNO QUE RESULTE TRAS O 20N A DE “CORRIXIR” A PROPOSTA DE COTAS PESQUEIRAS PARA 2012

Santiago, 4 de novembro de 2011.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, asegurou que o novo Goberno que saía elixido tras o 20N ten como “tarefa pendente e prioritaria” no ámbito pesqueiro a de “corrixir e emendar” a proposta da Comisión Europea sobre totais admisibles de capturas (TAC´s) e cotas para 2012. O parlamentario popular asegurou que o reparto actualmente previsto é “inaceptable” ademais de “lesivo para os intereses da flota galega” e responde “a unha situación de debilidade” en Europa do Goberno socialista central “que se veu incapaz de ser forte nas negociacións comunitarias”.

PESCADA NO GRAN SOL.- Balseiro Orol sinalou como “especialmente grave” os recortes que a Unión Europea propón nas capacidades de pesca das principais especies comerciais de Gran Sol, sobre todo pescada. Preto dun centenar de buques galegos poderían verse afectados por un exceso de conservacionismo “sen orixe e sen razón” da administración comunitaria e que non responde á situación real dos caladoiros, pois o propio ICES -organismo científico de referencia a nivel europeo- recoñece a abundancia de peixe en máximo históricos.

FALTA DE DATOS.- Finalmente o voceiro do Mar dos populares galegos rexeitou a intención da Comisión Europea de propoñer unha rebaixa xenérica do 25% nos TAC cando non existan datos certos sobre o estado do recurso así como tamén considerou desacertada a intención de acadar o nivel de Rendemento Máximo Sostible en 2015, o que pode traer serias consecuencias socioeconómicas para Galicia.

Respecto destas dúas cuestións Balseiro singificou a firme oposición da totalidade ou práctica totalidade dos países da Unión Europea e lamentou que o Goberno de España fóra “unha e outra vez” a remolque das xestións da Consellería do Mar, que desde  o primeiro  momento desenvolveu múltiples xuntanzas coas autoridade europeas “para recordarlle a importancia de que antes de adoptar calquera  decisión teñan en conta os impactos socioeconómicos das mesmas nas flotas e áreas pesqueiras”.