Partido Popular de Lugo

O PPDEG VALORA NEGATIVAMENTE A REDUCIÓN DO ORZAMENTO DESTINADO Á PAC E CRITICA A DEIXADEZ DE FUNCIÓNS DO MARM NA DEFENSA DOS INTERESES AGRARIOS DO NOSO PAÍS

Santiago de Compostela, 2 de novembro   de 2011.-  A voceira de Medio Rural do PPdeG, Isabel García Pacín, valorou hoxe negativamente a redución de orzamento destinado a nova Política Agraria Común 2014-2020, que se presentou recentemente, e criticou a deixadez de funcións do Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino na defensa dos intereses agrarios do noso país.

Na súa intervención, na comparecencia do Conselleiro de Medio Rural no pleno do Parlamento para informar da proposta da PAC da UE e a súa incidencia en Galicia, a voceira popular destacou “a valoración xeral negativa pola merma considerable que suporá o orzamento no conxunto da UE”. Así indicou que este se minora nun 11% “perdendo peso ao pasar a representar só o 33% do total europeo polo que o seu reparto non favorecerá tanto a países como España onde os sectores favorecidos e as cuantías percibidas eran substanciais e previsiblemente as reducións serán significativas e castigarán aínda máis a nosa economía e a renda dos produtores non contará cos mesmos recursos que viña percibindo e tampouco se poderá incidir nos mercados de xeito que se precisaría”.

ESPAÑA SEN INFLUENCIA  NA REDACCIÓN FINAL.- A voceira de Medio Rural se pregunta onde estaba o Goberno central cando se deberon debater e incorporar as propostas e iniciativas españolas, “xa que outros países teñen unha valoración parcial ao terse en conta parte das súas demandas e, en cambio, España non tivo influencia algunha na redacción final”. Así mesmo lamentou que non se valorara e recoñecera “a vulnerabilidade do sector lácteo, que si se tivo valorado no pasado”.

Sobre as propostas concretas “introducen repercusións negativas relevantes aínda que queda por determinar as concrecións e os efectos”. En todo caso a deputada do PPdeG considera que “é necesario defender as peculiaridades da nosa Comunidade e o peso específico das nosas producións no conxunto do Estado e que non aconteza como no pasado onde producción láctea se víu esquecida ou relegada sen ser unha prioridade para a Sra. Espinosa e polo que se ve tampouco da Sra. Aguilar”.

Así indicou que ao respecto do sector lácteo o MARM “non foi quen de recoñecer e transmitir a vulnerabilidade do mesmo e polo tanto agora laiamonos tamén de non terse recoñecido na UE”. “Xa no reparto dos fondos adicionais do Chequeo do sector lácteo Galicia saiu mal parada asi e como recoñeceron os socialistas galegos que demandaron da Consellería fondos propios para reparar e axudar as explotacións lácteas situadas en zonas non desfavorecidas, que os socialistas de Madrid esqueceron”. Ou no caso da venda de Puleva a Lactallis que “deixaron en man foráneas unha industria de transformación sen condicionar esa venda para o futuro deixando aos produtores galegos indefensos e aínda que os socialistas galegos tiñan poder de decisión ao ter participación estatal”. 

A voceira popular eloxiou  a actitude do Conselleiro de Medio Rural “que convidou aos grupos políticos da Cámara o ano pasado a propor e remitir as achegas que considerasen oportunas, cousa que non aconteceu pero que sí  fixeron os representantes dos axentes dos sectores implicados consensuándose unha postura de defensa común”. Nembargantes, segundo Isabel García Pacín “esa postura non foi posible transmitila xa que o MARM, ao contrario do que fixo a Consellería non valorou nin voltou a reunir as comunidades dende marzo do 2011”.A deputada popular cualificou esta actitude de “deixadez de funcións e agora queixanse de todo o texto, que non reflicte a defensa dos intereses españois, e moito menos das peculiaridades e particularidades das Comunidades Autónomas e das súas producións e o seu impacto será maior senón se remedia nos vindeiros meses”.