Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2011.- A voceira de Medio Rural do PPdeG, Emma Álvarez Chao, lamentou hoxe no pleno do Parlamento que “as teimas doutrinais levan aos socialistas a perder toda credibilidade ante a sociedade nun tema de tanta transcendencia como é o dos incendios forestais”. Deste xeito indicou que a intransixencia dos socialistas impediu aprobar unha emenda do Grupo Popular encamiñada a loitar polo fin da actividade delictiva incendiaria e sentar as bases para facer un fronte común ante esta lacra.
A negativa socialista impediu aprobar a iniciativa popular que demandaba promover e impulsar un acordo cos axentes representativos o sector forestal, os axentes medioambientais e sociais e as organizacións agrarias a realización de Plans de Ordenación Forestal a nivel de Distrito Forestal. Así mesmo, segundo Emma Alvarez na emenda popular, que constaba de dez puntos, se demandaba promover a redacción de plans municipais de prevención e defensa de incendios forestais e solicitar a colaboración do Goberno do Estado para o cofinanciamento das actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de Restauración Ambiental.
A deputada popular pediu aos grupos da oposición que “aparquen a un lado o nerviosismo pre-electoral e traten dunha vez por todas como un tema de país”. Así mesmo destacou que “leccións de quen ten no seu haber o record histórico no ano 2006 en canto a datos catastróficos para o monte galego: ningunha”.
Segundo Emma Álvarez “se con 23.000 hectáreas queimadas en 3 semanas, das que 4.000 foron de arbolado, a oposición pide a dimisión de 2 persoas, un conselleiro e un director xeral, no ano 2006 con preto de 100.000 hectáreas calcinadas nunha semana, das que mais da metade eran de monte arborado, terían que haber dimitido 24 persoas, 12 conselleiros e 12 directores quedando tan só o ex-presidente da Xunta Pérez Touriño ao cal por certo lle estaban vixiando a residencia de verán cunha motobomba mentras él estaba de vacacións”.
Para a deputada popular “a actitude demagóxica, o lume político e o descrédito do sistema de extinción de incendios non axuda de ningunha maneira a concienciar á sociedade senón que este Grupo Parlamentario cree na importancia do diálogo cos sectores implicados, nun plan de prevención e defensa profesionalizado e permanente e a posta en valor do gran potencial económico que supón o monte no noso territorio”.